Burela, 18 de maio de 2018. O Concello rematou as obras de asfaltado no entorno da estación. Durante a fin de semana permitirase aparcar na zona, pero luns e martes volverán as restricións para proceder ao seu pintado. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar. O edil subliña que o Concello procedeu a arranxar tres socavóns que había na estación de autobuses de Burela, debido á mala imaxe que estaban a dar do pobo. Fernández Rey pídelle á Xunta que proceda a realizar tarefas de mantemento nestas instalacións, xa que se atopan moi abandonadas ao igual que ocorre coa estación do tren. O edil asegura que a herba xa supera o metro de altura e solicítalle a Adif que tamén tome cartas neste asunto.
Ramiro Fernández anunciou que “se acabou de facer o asfaltado que estabamos a realizar na zona da estación, agora falta facer as marcas de aparcamento que empezaremos a pintar o luns, co cal ese día imos ter outra vez restricións para poder aparcar alí e así facer o traballo de pintura con comodidade”.
O edil quere “dicirlle aos veciños que a partires de luns imos ter outra vez restricións de aparcamento alí e que desculpen as molestias que poidan causar, pero non nos parecía lóxico deixar pechada toda esa zona durante todo o fin de semana e por iso decidimos abrila para que poidan usala estes días, e a partires do luns volveremos cortar durante un par de xornadas, que é a previsión do que poden durar esas obras”.
O concelleiro de Obras salientou que “aproveitamos que tíñamos a maquinaria na zona da estación para tapar tres socavóns, porque xa non eran fochancas, que había na estación de autobuses que non é competencia municipal senón que é competencia da Xunta. O alcalde xa se puxera en contacto coa Xunta para pedirlles que miraran de solucionar esa situación, e ao final asumimos unha obra que ao mellor non tíñamos que asumir, pero que daba moi mala imaxe do pobo”.
Ramiro Fernández engadiu: “pedimos que a Xunta intente mellorar o mantemento desta estación de autobuses de Burela que está un pouco abandonada, cada un ten que atender o seu e ter as cousas o mellor posible. Tamén a estación de tren está abandonada, ninguén fai mantemento de nada, a herba xa supera o metro de altura, así que pedir ao Ministerio ou a Adif que faga o mantemento desa zona porque é moi céntrica. Da unha mala imaxe e contrasta con todo o que estamos facendo desde o Concello para intentar mellorar Burela, dentro das nosas posibilidades, fronte á deixadez doutras institucións co seu mantemento. Penso que os veciños de Burela non se merecen que unha infraestrutura pública dea esa imaxe de abandono, que é o que está dando agora mesmo a estación de autobuses e de tren”.
