Ribadeo, 9 de maio de 2018.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, amosou a súa sorpresa porque o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, pida o apoio da administración autonómica, alegando que o persoal municipal non é suficiente para realizar tarefas de control forestal, cando leva tres anos consecutivos renunciando á brigada contra incendios que financia a Xunta.
Balseiro aplaude toda iniciativa que desde os concellos poida promoverse como administracións competentes para garantir o cumprimento da normativa sobre distancias entre plantacións forestais e vivendas, pero censura que “cara á galería e ante a opinión pública” o rexedor reclame o apoio da Xunta e despois “á hora da verdade, o alcalde renuncie aos instrumentos de colaboración que a Xunta pon a disposición dos concellos, como é o caso destas brigadas municipais contra incendios”.
Cada ano, a Xunta ofrece aos municipios galegos un convenio de colaboración que permite financiar a contratación do persoal das brigadas municipais contra incendios. Esta axuda permite contar cunha ou dúas brigadas de entre catro e seis compoñentes, cuxa función principal, ademais de actuar como unidade de primeira intervención en caso dun lume, é a de encargarse de realizar desbroces e limpezas en montes, en terreos municipais ou de titularidade descoñecida.
O Concello de Ribadeo renunciou a asinar este convenio os anos 2016, 2017 e 2018, limitándose a recibir a axuda da Xunta para o mantemento da motobomba e para realizar labores silvícolas. A negativa do Concello supón perder de facto a posibilidade de contar cuns profesionais que, durante a época de maior risco, no verán, poderían apoiar as iniciativas que o propio Concello realiza de cara a prevención dos lumes forestais.