Lugo, 12 de xullo de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde e o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano García, presentaron este xoves no Salón de Plenos do Concello de Burela á revista turística +QueAMariña, editada pola Mancomunidade, coa se promocionan 72 puntos de interese turístico dos 16 Concellos da Comarca. Concretamente son enclaves, nos que se inclúen museos, praias, covas, rutas ou citas emblemáticas. Desta edición, publicaranse un total de 10.000 exemplares, dos cales a Deputación de Lugo disporá de 1.500 para distribuír en establecementos turísticos, axencias, e que se presentarán en feiras e citas especializadas do sector.
Darío Campos avanzou que o Goberno da Deputación “é o principal impulsor desta iniciativa cun investimento de 15.000 euros, dentro da nosa aposta polo turismo como dinamizador da vida e da economía, como así recolle o Plan Estratéxico de Turismo, co que buscamos impulsar o crecemento e a transformación do sector na provincia, na procura dun modelo máis competitivo e rendible”.
O Presidente lembrou ademais que “no pasado mes maio presentamos, tamén en colaboración coa Mancomunidade, as primeiras audioguias teatralizadas dos Concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, que supuxeron un investimento de 25.000 euros. E só na pasada anualidade o Goberno da Deputación impulsou con máis 115.000 euros 19 citas turísticas en Concellos. E facémolo porque, aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades”, sinalou.
Novo revulsivo para A Mariña
Llano García explicou na presentación, “que esta nova colaboración da Deputación e a Mancomunidade de Municipios da Mariña, supón un novo revulsivo para o turismo da Comarca que contribuirá de xeito decisivo a impulsar todos e cada un dos nosos recunchos”. “Esta nova carta de presentación convértese nunha peza útil para mostrar os innumerables recursos turísticos da Mariña co fin de atraer visitantes, non só durante os meses de verán, senón ao longo de todo o ano, dinamizando e diversificando o turismo que nos visita”, remarcou o Presidente da Mancomunidade.
Presentación
A acto de presentación desta publicación, que se celebrou no salón do Plenos do Concello de Burela, asistiron tamén a Deputada e Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermudez, o Alcalde de Alfoz, Jorge Val, o Concelleiro de Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, e a xerente do GDR Terras de Miranda, Elena Martínez, ademais dos responsables da edición da revista.
+QueAMariña
A revista +QueAMariña recolle recursos turísticos de 16 Concellos da Mariña. Concretamente son 72 enclaves que percorren museos, praias, covas, rutas e citas emblemáticas da Comarca. Amosan dende a Frouxeira ao porto pesqueiro de Burela, o Círculo Lítico de Barreiros, o Museo Histórico de Sargadelos, a Basílica de San Martiño, O Pazo de Tovar, as covas do Rei CIntolo, a Serra do Xistral, os Fornos da Pontenova, o casco histórico de Ribadeo, o Mazo de Ferreiravella, a área recreativa de Abres, o Pozo da Onza, a Illa Coelleira, o Souto da Retorta ou o Faro de Punta Roncadoira”. Esta publicación conta ademais con cun índice especial da “Ruta da Arte” cos enderezos e horarios de artesáns da Mariña, tanto cerámicos, carpinteiros, alfarería ou ferreiros…entre outros. E inclúe un calendario de festas e celebracións no que se inclúen as 120 citas máis importantes da Mariña. A maiores, esta publicación, conta con páxinas adicadas ao GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) e ao Leader dos que se resumen as súas actividades. Ademais desta edición, en colaboración coa Deputación, inclúe a creación dunha web con todos estes recursos.
Mancomunidade de Municipios da Mariña
A Mancomunidade de Municipios da Mariña está integrada por 16 Concellos, estes son; Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela, Cervo, Mondoñedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Lourenzá, O Valadouro, Alfoz, O Vicedo, Riotorto, Trabada e Ourol; e conta cunha tamaño poboacional de 74.000 habitantes, 215 núcleos de poboación, cunha extensión superior ao 1.460 km2. Dentro dos obxectivos desta entidade está a xestión e execución de plans e programas ou proxectos de interese publico e común; así como a xestión turística a nivel destino, é dicir o conxunto dos municipios que conforman o xeodestino Mariña Lucense.