Lugo, 7 de agosto 2018. Xosé Ferreiro anunciou hoxe que o BNG solicitará a celebración dun pleno extraordinario no mes de agosto para levar, na orde do día, a disolución de SUPLUSA como asunto principal. Xosé Ferreiro lembrou que os enfrontamentos internos do PSOE provocan unha paralización dos asuntos da Deputación e que neste momento haxa 30 traballadores de SUPLUSA sen cobrar a súa nómina. Ferreiro defendeu, unha vez máis, que o presidente da Deputación ten que presidir os entes dependentes como SUPLUSA e lembrou que “foron os votos do PP e PSOE os que apostaron pola bicefalia”.
Ferreiro sinalou que “asistimos a un xogo de tronos entre Santos, Martínez e Candia e esto provoca, por exemplo, que as residencias de maiores non vaian a entrar en servizo ata dentro de moito tempo”. Ferreiro acusou ao PSOE de “non dar unha solución política a este asunto e de provocar o caos tanto na Deputación como nesta empresa pública” e afirmou que “a Deputación ten que asumir os compromisos desta sociedade unha vez quede disolta por que a Deputación é o ente matriz e nunca debeu perder o control desta sociedade”.
O voceiro do BNG sinalou que “non hai que caer na demonización dos medios propios ou empresas públicas das administracións” e recoñeceu que “no caso de SUPLUSA que non cabe outra solución máis que a súa disolución dada a situación de bicefalia provocada polo PSOE”. “Estes entes públicos son unha ferramenta para evitar as privatizacións que intenta impoñer o PP dende a Xunta” dixo Ferreiro e anunciou que o BNG proporá que “xunto coa disolución de SUPLUSA se empece a traballar na creación dun medio propio ao servizo da Deputación e non para crear contrapoderes que vaian contra a propia Deputación”.
En relación ás persoas que superaron o proceso selectivo para formar parte do cadro de persoal das residencias que ía a xestionar SUPLUSA, o voceiro do BNG afirmou que “o goberno da Deputación debe cumprir coa lei e respectar os dereitos adquiridos neste proceso selectivo que levou a cabo o ente dependente da Deputación”. Ferreiro sinalou que “a solución para estas persoas ten que ser facilitada dende a Deputación e non dende SUPLUSA por que a entidade debe ser disolta nun futuro próximo”.
