Cervo, 23 de agosto de 2018.- O Concello de Cervo está a facer unha aposta importante pola divulgación do patrimonio natural e arquitectónico do municipio.
Deste xeito, a delegación de Medio Ambiente leva meses en contacto con investigadores do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, co fin de poñer en valor a importancia que tivo a canteiría no seu día en San Ciprián.
Froito dese traballo conxunto instaláronse diferentes fitos que referencian a pegada que queda do traballo dos canteiros no pobo; e é que en varias zonas de San Ciprián pódense observar os sinais que foron deixando co paso dos séculos en forma de frontes, bancos de traballo, trincheiras, cuñas e barreños, para extraer os sillares e mampostos cos que construír as edificacións tradicionais da vila.
O pasado venres levouse a cabo unha ruta por este camiño de pescadores de pouco máis de dous quilómetros bautizado como a “Ribeira de Lieiro”. O alcalde Alfonso Villares e a edil de medio ambiente acompañaron a 70 visitantes ao longo do sendeiro.
O investigador do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, Jorge Fernández, foi o encargado de guiar a expedición, ofrecendo cumprida información sobre cada un dos paneis que foron instalados na ruta, que parte das Antigas Fábricas de Salgadura, ata a Praia da Limosa, e remata no punto de partida; e sobre os vestixios que se poden atopar destacando que “en San Ciprián se localizaron unha serie de canteiras e zonas de explotación relacionadas co patrimonio arquitectónico local, aínda que dúas delas chegáronse a explotar de maneira semi-industrial, fornecendo laxas que foron exportadas e que se empregaron, por exemplo, para o empedrado da Praza Maior de Oviedo”.
O rexedor apuntou que “a nosa intención é seguir a traballar por poñer en valor todo o noso patrimonio natural, porque somos un Concello moi rico en historia, e é importante dalo a coñecer e divulgalo a todos os niveis, pero primeiramente entre a nosa veciñanza”.
Villares e Méndez convidan a todos aqueles que desexen pasar un bo momento ao aire libre a que se animen a dar este paseo pola Ribeira e descubran un pouquiño máis sobre o que fomos, pero tamén sobre todo canto pode ofrecer San Ciprián a día de hoxe; e que tamén está recollidos na ruta en diferentes fitos.
O sendeiro conta tamén con placas que conteñen o código QR para que aqueles camiñantes que o desexen poidan acceder facilmente a información ampliada sobre o percorrido.
Desde a delegación de Medio Ambiente habilitouse esta plataforma web na que se pode atopar toda a información ao respecto das canteiras históricas de San Ciprián: https://medioambiente8.wixsite.com/ribeiradelieiro/ruta-de-canteras-canteiras.
