Lugo, 7 de xullo de 2018. O Goberno da Deputación celebra que a Sociedade Urbanística Provincial, SUPLUSA, acate a orde dada polo organismo provincial e efectúe o pago aos 29 traballadores aos que a Sociedade Mercantil lle adebeda as nóminas. Finalmente, SUPLUSA nomeou a un traballador da Sociedade como interventor accidental, o que demostra que “só buscaron utilizar ao persoal de SUPLUSA como ferramenta política, creando un problema onde non o había”.
Así o avanzou a vicevoceira do Goberno, Pilar García Porto, que destacou que “celebramos que SUPLUSA por fin cumpra unha orde da Deputación, aínda que lamentamos que tardasen tanto en abonar as nóminas destes traballadores, causando graves prexuízos a estas 29 familias. Ademais, son prexuízos totalmente innecesarios, pois hoxe demóstrase, unha vez máis, que foi un problema artificial derivado do caos na xestión e desgoberno de SUPLUSA”.
A Deputada lembrou que o Goberno Provincial deu xa, en 3 ocasións, orde á Sociedade para que, tal e como lle corresponde e como finalmente aconteceu, efectuase os pagos das nóminas, “tendo en conta que non ten problema de liquidez algún ao contar con fondos millonarios e recibir ingresos pola súa actividade urbanística”.
García Porto instou ademais aos traballadores a que soliciten á Sociedade Urbanística o cálculo dos posibles intereses provocados polo retraso e demora dos pagamentos aos profesionais que prestan os seus servizos en SUPLUSA.
Disolución de SUPLUSA
A Deputada lembrou que o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, trasladou onte mesmo ao Partido Popular a súa proposta para disolver SUPLUSA e estudar a integración dos traballadores no organismo provincial, tal e como aconteceu coa TIC. Sería un procedemento que, de contar co apoio do PP, se podería realizar nun tempo estimado de 2 meses.
“O que buscamos con esta disolución, tal e como leva defendido Campos Conde durante os últimos meses, é buscar as vías legais para ofrecer unha solución con garantías aos traballadores de SUPLUSA e estudar a súa integración no organismo provincial, ademais de simplificar as estruturas da administración, o que nos permitiría aforrar custos”, destacou.
Neste senso, García Porto apuntou que onte mesmo, Campos Conde solicitou aos 4 servizos provinciais con maior responsabilidade na materia na Deputación – Secretaría Xeral, Contratación, Intervención e Asesoría Xurídica- informes técnicos para estudar a posibilidade da intervención administrativa de SUPLUSA, dado a situación de desgoberno da sociedade. “Trátase dun acto moi común na administración pública, de feito, a propia Xunta de Galicia, durante estes últimos anos, realizou este tipo de intervencións, por exemplo na Cámara de Comercio de Lugo ou na de Ferrol”, subliñou.
SUPLUSA pechada ás 13:00 horas
“Onte mesmo, tivemos que mandar un oficio por burofax a SUPLUSA; xa que as 13:00 horas tiñan seu rexistro pechado, no que se lles indicou que non íamos a participar das decisións, a todas luces ilegais, que se estaban a tomar nos Consellos de Administración, debido a que existían ilegalidades nas propostas que levan; así como dándolles unha orde, por 3ª vez, para que procedan ao pago das nóminas aos traballadores da sociedade urbanística”, apuntou.
Preto de 1.000 euros en dietas
A Deputada apuntou tamén que “esperamos que os Deputados que hoxe en día participan nestes dous Consellos, responsables do retraso no cobro das nóminas dos traballadores, rexeiten o cobro das dietas correspondentes, uns 100 euros por Deputado e Consello, o que sumaría preto de 1.000 euros a costa dos lucenses polas reunións mantidas hoxe”, apuntou.