Lugo, 7 de agosto de 2018. A Deputada pola Comarca da Mariña, Mayra García Bermúdez, supervisou este martes dúas estradas provinciais no Concello de Foz, que o Goberno da Deputación mellorará cun investimento de 75.000 euros. En concreto, son a LU-P-2010, de Bao a Ver; e a LU-P-2009, do Peirao de Foz a Bispo Santo, por Marzán. As obras de mellora do firme comezarán esta mesma semana e acondicionaranse preto de 3 quilómetros.
García Bermúdez avanzou que “os traballos consistirán na limpeza de cunetas, renovación da capa de rodaxe con aglomerado en quente e incremento da sinalización horizontal e vertical. No caso da LU-P-2010, quedará arranxada por completo pois as obras comprenden a totalidade dos 2,6 quilómetros que ten de lonxitude, mentres que na LU-P-2009 vaise a rehabilitar un treito de 300 metros, do punto 1,6 ao 1,9”.
A Deputada engadiu que “con estes traballos damos resposta a unha demanda veciñal, pois son dúas vías de comunicación fundamentais para os veciños e veciñas da parroquia de San Martiño e do barrio de Marzán, que empregan a diario estas estradas para os seus desprazamentos”.
A LU-P-2010 conecta unha das zonas máis poboadas da parroquia de San Martiño, pois nos núcleos de Bao e Ver viven máis de 60 veciños. Cómpre sinalar que se trata dunha zona con gran tradición agrícola, na que existen varias explotacións de leite, polo que abunda o tráfico pesado de tractores, remolques ou cisternas. Así mesmo, a LU-P-2009 conecta o barrio de Marzán, unha zona anexa ao casco urbano de Foz e que se atopa en crecemento, con edificacións de nova construción.