A Mancomunidade, 22 de agosto de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno ordinario o vindeiro luns, 27 de agosto, ás 20:00 horas no Concello do Valadouro. Na sesión abordaranse asuntos como a conta xeral, o programa Catuxa, a elaboración dunha páxina web e a tradución das audioguías ao inglés e ao castelán, xa que ata o de agora estaban a funcionar en galego. Outro dos proxectos pasa pola organización dun gran evento polideportivo para a promoción mundial da comarca da Mariña.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, anunciou que “o próximo luns, día 27, imos facer un pleno ordinario da Mancomunidade no Concello do Valadouro, ás oito da tarde. É un pleno que está cheo de contidos e propostas e cremos que é importantísimo que acudan todos os representantes de cada un dos Concellos”.
Llano explicou que “entre outras cousas imos aprobar a conta xeral e tamén imos falar dos contedores. Hai unha subvención que xa foi aprobada do 80% do valor dos contedores que nosoutros temo solicitado. Ademais falaremos do Coopera no que gañamos o segundo premio co programa Catuxa e imos mirar cantas empresas hai interesadas en desenvolver este proxecto, que cremos que é moi importante e queremos comezar no primeiro trimestre do curso 18/19 nos centros de ensino. Tamén imos falar da elaboración dunha páxina web da Mancomunidade, que imos presentar o martes da semana que ven no Concello de Burela. Imos seguir ademais coas audioguías para promocionar e seguir avanzando no proxecto turístico de calidade nos diferentes concellos da Mariña. Estas audioguías, que xa foron presentadas e se están empregando co idioma galego, vanse estender aos idiomas castelán e inglés. Pensamos que é moi imporante facer isto e vaise acometer o antes posible”.