Lugo, 25 de agosto de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo supervisaron os últimos traballos de mellora que o Executivo Provincial realizou na estrada LU-P-1904, que une os Concellos da Pontenova e Fonsagrada, e que nesta última intervención tiveron un investimento de 340.000 euros. Campos Conde remarcou que “co remate de acondicionamento deste vial, damos resposta a unha vella demanda veciñal, melloramos así a calidade de vida dos seus veciños e ao mesmo tempo reforzamos seguridade viaria nestes municipios”.
Son traballos que se executaron entre os puntos quilométricos 12,975 ata o 15,750 e que benefician directamente a preto de 6.400 veciños que viven nestes dous Concellos, pois dita estrada é unha vía de comunicación fundamental para a zona ao conectar A Pontenova coa Fonsagrada.
As actuacións que se realizaron, neste vial de titularidade provincial, son a mellora do firme con aglomerado en quente, ao mesmo tempo que se levou a cabo a limpeza de cunetas e ampliación das cunetas, e incrementouse a seguridade da mesma, coa instalación de máis sinalización horizontal e vertical.
Campos Conde reclamou a Xunta de Galicia un “compromiso real cos veciños da Pontenova” e solicitoulle que mellore os 5 quilómetros desta mesma estrada que son da súa titularidade. O Presidente explicou “esta vía xa está totalmente renovada grazas ao investimento feito polo Executivo Provincial. Deste xeito, o Goberno Provincial cumpre cos compromisos adquiridos cos veciños, mellorando as vías que son da súa titularidade, dentro da aposta por unha Deputación rural e coas persoas”.
Pola súa banda Fernández Queipo tamén reclamou á Xunta o arranxo deste vial que transcorre cara á Pontenova, e que da acceso á LU-740 de titularidade autonómica, e que nun total de 17 quilómetros presenta serias deficiencias para circular por ela. “A Deputación xa cumpriu coas súas obrigas, agora tócalle o turno á Xunta, merecemos vivir nun rural con boas vías de comunicación si queremos que os nosos mozos e mozas vivan nel”, resumiu.
Outros investimentos
Ademais o Goberno Provincial tamén esta executando obras de mellora en dúas estradas da Pontenova, concretamente na LU-P-4805 que transcorre de Boulloso, por Dodrin a Figueirua, dende o punto quilométrico 0,800 ata o 3,700 e dende o 5,225 ata o 5,590 rematando tamén os arranxos deste vial; e tamén da LU-P-4808 da Pontenova, por Vilaoudriz á saída da Estrada Nacional 640, dende o punto 0 ao 1,000.