Viveiro, 27 de setembro de 2018. A Alcaldesa, María Loureiro, anunciou hoxe a creación en Viveiro dunha Mesa Local contra a Violencia de Xénero. María Loureiro explicou que “queremos que o noso Concello se implique na loita contra a violencia de xénero, porque o noso obxectivo é sumar esforzos para facerlle fronte a esta lacra social, hai que plantarlle cara con todos os medios ao noso alcance e desde o Concello de Viveiro queremos poñer todos os nosos recursos na loita contra a violencia de xénero”.
“Pensamos que o Concello de Viveiro debe tomar a iniciativa de poñer en funcionamento a Mesa local na que terán presenza e voz para que fagan as súas achegas todas as institucións implicadas e os representantes dos sectores educativo, da sanidade e xudicial, entre outros”, manifestou a Alcaldesa.
María Loureiro avanzou que a Mesa contra a Violencia de Xénero de Viveiro constituirase o día 8 de outubro a instancia do Concello. Hoxe mesmo, a Alcaldesa convidou a participar na sesión de constitución da Mesa local contra a Violencia de Xénero de Viveiro, que terá lugar na sala de xuntas, ás 11:00 horas, á Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, e á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella. Ademais, a Alcaldesa convocou a participar nesta primeira xuntanza que servirá para constituir a Mesa á Concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega, así como a persoal técnico da Concellería da Muller e os Servizos Sociais, a representantes da Policía Local, a Policía Nacional e a Garda Civil; os CEIP de Covas, Celeiro e Santa Rita de Galdo, o CPR Landro de Viveiro, o CEP Lois Tobío e o IES Vilar Ponte de Viveiro; do Xulgado, o Centro de Saúde e a Oficina de Emprego de Viveiro, e aos representantes dos grupos políticos que forman a Corporación municipal.