Ourol, 28 de setembro de 2018.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá á mellora de infraestruturas e servizos en Ourol mediante unha achega de 229.260 euros ao Concello para financiar o acondicionamento do centro social de Merille e o abastecemento de auga a sete núcleos da parroquia de Xerdiz.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego sufraga ambas actuacións dentro da liña de colaboración cos concellos para apoiar e potenciar a prestación de servizos municipais.
A intervención no centro social de Merille, situado no lugar do Agro, ten un orzamento de 109.600 euros e estará orientada a mellorar a eficiencia enerxética do edificio, así como o seu estado de conservación e condicións de uso. As obras previstas consisten na reparación da envolvente térmica do inmoble, da cuberta e da fachada posterior.
Os traballos programados tamén afectarán ás instalacións de saneamento, fontanería e electricidade da parte posterior da edificación, xa que está previsto reformar os aseos e crear unha nova sala de usos múltiples.
Ampliación da rede de subministración de auga
Outra das actuacións que contará coa colaboración da Vicepresidencia da Xunta será a ampliación da rede municipal de subministración de auga para dotar de abastecemento a sete núcleos da parroquia de Xerdiz. O proxecto ten un orzamento de 119.650 euros.
As obras propostas permitirán levar este servizo aos lugares de Rexulfe, Os Currás, A Revolta, Vilacimas, O Loureiro, As Laxes e Pazos. As accións previstas consisten en colocar as correspondentes conducións, bocas de rego e demais elementos precisos para o funcionamento da rede de abastecemento.
Balseiro salientou a colaboración do Goberno galego cos concellos para reforzar infraestruturas e servizos básicos e destacou que para a Xunta é prioritario equilibrar as condicións de vida en todo o territorio, de xeito que o conxunto da cidadanía “teña acceso aos máximos recursos calquera que sexa o medio no que residan”.