Ribadeo, 26 de setembro de 2018.- Mañá dará comezo o obradoiro de emprego Doc-Tic II, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 154.200 euros e promovido polo Concello de Ribadeo. Esta iniciativa inaugura o novo ciclo de obradoiros sufragados pola Xunta na provincia ao abeiro da última convocatoria.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que este proxecto da continuidade ao labor de dixitalización do fondo documental do concello no que xa traballaron os obradoiros desenvolvidos no municipio nos últimos anos.
Nesta ocasión, a iniciativa proporciona emprego e formación a 16 mozos e mozas menores de 30 anos, nas especialidades de Produción fotográfica e Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais. No obradoiro tamén traballan unha directora, unha monitora de arquivística e xestión documental e outra de dixitalización documental.
O obradoiro estenderase ata finais do mes de marzo e continuará coa dixitalización das “actas capitulares” dos séculos XIX-XX e outros documentos singulares, ao tempo que se avanza na gravación, organización e informatización do arquivo administrativo municipal.
Datos da comarca e da provincia
Nas vindeiras semanas iranse poñendo en marcha outros cinco obradoiros de emprego na Mariña, que están actualmente xestionando os procesos de selección. En conxunto, os seis obradoiros beneficiarán a 14 concellos, suporán a contratación de 140 persoas -116 alumnos e o resto monitores e outro persoal- e requirirán un investimento de 1,3 millóns de euros.
Polo que respecta ao cómputo xeral da provincia, poranse en marcha 20 obradoiros en 50 concellos da provincia de Lugo, cun investimento de 5,5 millóns de euros para 472 contratacións.
Cabe lembrar que na presente convocatoria a Xunta atendeu o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.