Burela,5 de outubro de 2018. Burela participará o próximo mércores, 10 de outubro, nunha reunión do proxecto Aquamundam, do que forma parte xunto aos Concellos galegos de Noia, Ames e Soutomaior. Este programa europeo, no que tamén están presentes Castela-León e o Norte de Portugal, busca mellorar a xestión do ciclo integral da auga.
O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que “o próximo mércores, día 10, temos unha cita en Santiago, en Augas de Galicia, porque fomos un dos concellos que está seleccionado polo proxecto Aquamundam. Trátase dun proxecto europeo que ten relación coa auga e co medio ambiente. Os catro Concellos que imos asistir ese día somos Burela, Noia, Ames e Soutomaior”.
O rexedor explicou que “este proxecto Aquamundam é de ámbito europeo e está financiado por Fondos Feder. Trátase da protección ambiental a través da mellora da xestión do ciclo integral da auga. Ademais prevé fomentar o uso racional dos recursos mediante o desenvolvemento de metodoloxías e tecnoloxía para que sexa moito máis eficaz e estar pendentes sempre de que a auga, tanto no abastecemento como na depuración, teña unha boa calidade e que se depure ben. Este proxecto aféctalle a Galicia, Castela-León e o Norte de Portugal. Somos en total doce concellos para os que é unha gran oportunidade para poder participar neste programa”.
Llano dixo: “hai que ter en conta que aquí estamos agardando a construción dunha nova Edar, polo tanto é bo saber as melloras que podemos conseguir a través deste proxecto. Así que o próximo mércores imos xuntarnos en Augas de Galicia, e facer unha diagnose para mellorar a xestión do ciclo integral da auga”.