Burela, 25 de outubro de 2018. Mañá, venres, haberá pleno extraordinario no Concello de Burela ás 10:30 da mañá. Na sesión presentará a súa renuncia como concelleira Patricia Otero, que na actualidade é parlamentaria autonómica. E tamén se aprobarán os festivos para 2019 que serán o Martes de Entroido e luns das festas patronais.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, contou que “corresponde facer un pleno extraordinario e imos facelo este venres, día 26, ás dez e media, para tratar basicamente tres temas. Un deles é a renuncia de Patricia Otero como concelleira do Concello de Burela, dado que se incorpora ao Parlamento Galego como deputada. Imos aceptar esa renuncia e será Manuel José Fernández Rodríguez quen a substitúa, que é ao que lle corresponde na lista que tíñamos presentado nas eleccións municipais do ano 2015”.
O rexedor dixo que “outro punto que imos levar adiante vai ser definir os días festivos para o ano que ven, que van ser o Martes de Entroido máis o luns das festas de Burela, que é o que practicamente se ven celebrando”.
Llano engadiu que “tamén trataremos un tema de intervención, basicamente para facer unha transferencia para cubrir uns gastos que están contemplados para as escolas infantís, a participación que lle corresponde ao Concello. Fanse unhas operacións rutinarias única e exclusivamente para poder garantir o pago da nosa participación no gasto das escolas infantís”.