Foz, 4 de outubro de 2018. A Delegación de Asuntos Sociais do Concello de Foz anuncia hoxe que se acaba de ampliar o Servizo de Axuda no Fogar no concello. A edil Mercedes González Alonso salienta que se cuadriplicou desde o ano 2011 ata hoxe e na actualidade dá cobertura a case 100 persoas e a empresa que presta este servizo dispón de máis de 40 traballadores que atenden a dependentes de Foz.
A responsable de Asuntos Sociais en Foz explicou que “a Consellería de Política Social notificounos unha nova adxudicación de horas para o Servizo de Axuda no Fogar. Isto fai que a día de hoxe teñamos 4.200 horas mensuais para dar cobertura a case un cento de persoas con necesidade de axuda”.
Mercedes González Alonso subliña que “desde o ano 2011 ata hoxe cuadriplicouse o servizo, o que nos permite ter cubertos os casos máis graves de dependencia e os menores case na súa totalidade. Este servizo ben sendo custeado na maioría pola Consellería e nunha menor porcentaxe polo Concello”.
A concelleira sinala que “ademais de ser unha gran axuda ao dependente e ás súas familias, este servizo supón unha gran fonte de traballo. Nestes intres a empresa San Roque, que é a concesionaria do servizo, ten na súa plantilla a máis de 40 asistentes que atenden a dependentes do noso concello”.
Para Mercedes González Alonso “é unha gran satisfacción poder ir medrando todos os anos neste servizo; e esperamos poder seguir facéndoo no sucesivo”.