Ribadeo, 14 de novembro de 2018. Do 16 ao 25 de novembro desenvolverase a campaña Ribadeo en Negro contra as violencias. O acto principal será o día 23 na rúa San Roque. Os actos foron presentados esta tarde no porto de Rinlo.
A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “este ano 102 Concellos galegos e tres Deputacións Provinciais sumáronse á campaña #EnNegroContraAsViolencias, dando pé a unha cooperación intermunicipal sen precedentes en Galicia.Estamos traballando no desenvolvemento dunha acción conxunta contra as violencias machistas que ten como obxectivo principal sensibilizar á poboación sobre a situación de violencia que viven as mulleres polo mesmo feito de selo”.
A edil ribadense lembrou que “por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ribadeo impulsa a participación nesta campaña que conta coa colaboración nestes momentos de case 150 entidades sociais, establecementos comerciais e de restauración. A campaña #EnNegroContraAsViolencias, promovida desde 2015 polo Concello de Santiago, á que o noso Concello se uniu no 2016 cando se decidiu facela extensiva a outros Concellos e que no ano 2018 se estende a unha rede que alcanza a case o 50% da poboación galega para combater a problemática social da violencia contra ás mulleres”.
Álvarez Lastra dixo que “baixo o lema En Negro Contra As Violencias-Ribadeo en Negro e co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía imos levar a cabo varios actos estes días. Para iso, animamos ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro. Do 19 ao 25 deste mes vestiremos de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”.
E engadiu que “ao longo desta semana, o xoves e o venres procederase á distribución do material que editamos este ano entre as entidades participantes. De todas formas, como ven sendo habitual, pedimoslles e instámoslles a que aproveiten e reciclen o material dun ano para outro. Ademais desde o link da páxina #EnNegroContraAsViolencias calquera persoa poderá descargar tanto os deseños xenéricos da campaña como os específicos de Ribadeo e imprimilos para a vosa oficina, centro ou establecemento ou para a vosa casa”.
https://ennegrocontraasviolencias.gal/#descargas
A concelleira de Igualdade subliñou que “hoxe estamos presentes representantes de diferentes entidades e sectores sociais, dos centros educativos do Concello, do Centro de Saúde, do Centro de Día, do Comité Lila, do programa Aquí como de 20, da Policía Local, da EMMeD de Ribadeo, do CIM, dos Servizos Sociais… do Concello e de ACISA, que colabora intensamente nesta campaña tamén prestrándonos apoio organizativo”.
Álvarez Lastra contou que “comezamos hoxe con esta presentación e o venres, día 16, xa temos un dos primeiros actos da campaña Ribadeo en Negro. Proxectarase o venres, 16 de novembro, ás 20.00 horas a curtametraxe realizada polo Comité Lila Pensa, fálao. Vive, con ocasión do 25 de novembro, día internacional contra a violencia cara ás mulleres”.
E seguiu a relatar que “na vindeira semana presentaremos outras iniciativas que fan fincapé en que para erradicar a violencia de xénero é fundamental traballar e desenvolver políticas de igualdade. Por iso, desde a Concellaría de Igualdade faremos fincapé en varias accións dirixidas á coeducación, porque a conmemoración do 25 de novembro tamén ten que ser e debe ser en positivo, reflexionando ou impulsando accións de traballo que nos leven a concienciar e sensibilizar nun Ribadeo libre de violencias machistas! E remataremos esta campaña un acto central que se desenvolverá o venres, 23 de novembro, ás 12.00 horas na rúa San Roque, onde temos previsto facer un acto no que participarán diferentes entidades e os centros educativos de Ribadeo e pechará o acto a actriz galega Iria Sobrado coa perfomance Titania”.




















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



