Barreiros, 30 de novembro de 2018. Mediante unha resolución da alcaldía do 23 de novembro, o goberno do Partido Popular en Barreiros vén de aprobar sacar 6.000 euros do investimento en camiños para destinalos a publicidade e propaganda.
Para o BNG esta modificación do orzamento demostra que “o goberno de Barreiros está máis preocupado de vender a súa propia imaxe que do estado no que están os camiños que usan as veciñas e veciños”, asegura a portavoz municipal, Ana Ermida.
“É unha verdadeira lástima estar sufrindo un goberno coma este, que só se preocupan de si mesmos e de meter cartos en pagar publirreportaxes para limpar a imaxe nefasta que calquera persoa que vexa como está Barreiros ten”, afirman desde o BNG.
“Con estas actuacións demóstrase cales son as prioridades deste goberno municipal. É absolutamente vergoñento que, coa situación que teñen os camiños municipais nin sequera investiran os miserables 70.000 euros que se orzamentaban inicialmente.” Ana Ermida cualifica de “obsceno” o feito de que se deixen cartos sen gastar nesta partida e decidan gastalos en propaganda e publicidade.
A formación nacionalista lamenta ademais que “todos estes cartos que o goberno destina a propaganda e publicidade -estes 6.000 euros que se suman aos 10.000 que xa se contemplaban nos orzamentos- son absolutamente inútiles no caso de Barreiros; porque a situación que ten este concello como consecuencia da xestión do goberno municipal non se maquilla nin gastando en anuncios millóns de euros.”
