É habitual empregar terminoloxía anglosaxona cando se fai algo relacionado cos negocios ou co eido laboral. Quizais é que son un negado coa aprendizaxe da lingua de Shakespeare por unha mestura de burramia e insubmisión inconsciente, pero considero que é superfluo tomar palabras doutros idiomas para definir un concepto que ten tradución literal ao galego. Este é o caso do traballo en rede, denominado networking en xerga de negocios.
Cando falamos de networking, referímonos a porse no mercado das relacións sociais para abrir posibilidades, sexa no ámbito laboral ou noutras vertentes. Aínda que hai quen pensa que con internet podes facer todo a golpe de clic, o certo é que o ser humano segue sendo un animal social e precisa de verse e escoitarse. Coñecer xente é importante para abrir novas oportunidades, sobre todo cando non fixeches esta laboura antes. Os últimos anos houbo un crecemento deste tipo de xuntanzas, sobre todo no ámbito das startup ou novas empresas onde o talento é o elemento disruptivo. Ademais, e non nos imos enganar, moitas persoas talentosas comezan a súa andaina empresarial sen un can e precisan de facer clientes canto antes. En calquera caso, non deberíamos mitificar estas prácticas porque, cando estás tomando uns viños cos amigos na taberna, xa estarías facendo networking.
O networking é diverso na súa natureza e calidade, mais tamén no uso que se fai del en función do sector de actividade. O microcosmos social reprodúcese cunha certa exactitude nestas xuntanzas porque das co profesional contrastado, co que busca ampliar clientes, co buscavidas ou mesmo coa persoa acabada de saír da facultade que procura o primeiro emprego. A paisanaxe é do máis variada e reproduce os arquetipos xerais humanos, aínda que haberá matices segundo o número de participantes da xuntanza.
Outra das cousas que chaman a atención é que hai persoas que non deixan de facer networking, e iso é comprensible porque é unha oportunidade de facer vida social se un non ten moita. A maiores, se hai ao carón petiscos, viño ou licores, xúntanse todos os elementos para botar máis tempo do necesario na xuntanza. É comprensible, estase moi ben…
Aínda que internet gaña espazos, seguimos dando importancia á interacción directa. Se a economía de mercado é un mito porque procura reducir a unha abstracción os intercambios, na práctica a maioría das persoas precisan dunha referencia persoal para tomar decisións. Estas xuntanzas son unha actualización da entrevista persoal de toda a vida e teño a impresión de que este formato vai seguir existindo.