Lugo, 27 de febreiro de 2019. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo un encontro cos deportistas do Club de Remo de Ribadeo nas instalacións da Casa das Algas, para avanzar as novas colaboracións do Executivo Provincial coa entidade deportiva mariñá. No acto tamén participou o Presidente do club, Miguel Balsa Lombardero. Campos Conde explicou que “achegamos un total de 14.000 euros ao club para contribuír a sufragar os gastos derivados da tempada, así como a compra de 10 ergómetros cos que facilitar o adestramento no interior das instalacións, sen que a meteoroloxía ou as mareas supuñan un impedimento para a práctica deportiva”.
Aínda que naceu hai só 5 anos, o club leva colleitados numerosos éxitos grazas aos 24 rapaces e rapazas que participan nel. Algúns dos máis destacados foron as 6 medallas na 13ª Regata internacional Ponte Amizade, que se celebrou en Vilanova de Cedeira, Portugal; ou a terceira posición no Campionato de España de Larga Distancia, disputado en Castrelo de Miño este mesmo febreiro, que conseguiron Nerea Lago e María Coriña na categoría Cadete; Nerea Lago tamén se proclamou en xaneiro campioa Galega e de España de remoergómetro na súa categoría en torneos celebrados en Coruña e Ourense, respectivamente.
O Presidente lembrou que “dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos co deporte e cos nosos deportistas, independentemente da modalidade que practiquen. Por iso, somos a administración galega que máis inviste neste ámbito na provincia de Lugo”.