Foz 13-02-2019.- Unha gran oportunidade para que o núcleo urbano evolucione, de forma ordenada e planificada, para que Foz sexa máis atractivo e cómodo para os visitantes e para os veciños de todo o Concello – así cualifica Fran Cajoto, candidato socialista á alcaldía de Foz, a nova avenida que os socialistas veñen a presentar, dentro do seu programa Foz ten futuro. Proxectos e ideas que merecemos
A primeira actuación que vamos facer en canto cheguemos á alcaldía é unha campaña intensa de pequenos arranxos e limpeza xeral das rúas do núcleo urbano e do rural: cunetas, beirarrúas, zoas verdes, alumeado público, etc. para recuperar do seu abandono e falta de mantemento os servizos e vías públicas. Pero non podemos limitarnos a iso, hai moitos proxectos que o Concello de Foz necesita e nos que non se avanzou nada en oito anos – remarca Fran Cajoto.
Un dos Proxectos e ideas máis importantes que os socialistas levarán no seu programa electoral é a Nova Avenida Foz Centro, que prevé conectar a estrada N-642 co barrio de Marzán e, a través da Rúa do Cemiterio -que precisa unha reforma integral-, co centro de Foz. Unha infraestrutura fundamental – indican os socialistas – para a que reclamarán o apoio e financiamento do Ministerio de Fomento e da Deputación de Lugo, xa que a nova vía enlazará coa estrada N-642 (Ministerio) e LU-P-2009 (Deputación).
Foz necesita un novo acceso desde a variante. Coa nosa proposta Foz tería un terceiro e un cuarto acceso, evitando problemas de tráfico e facendo o núcleo moito máis atractivo para o comercio local, dentro do Plan de Mobilidade que vamos impulsar – explica Fran Cajoto
Agora mesmo as principais avenidas de Foz son unha Álvaro Cunqueiro mal deseñada e a Rúa do Pilar, o que resulta inconcibible para o partido socialista. Ademais de reverter a situación e devolver á Avenida da Mariña e a Álvaro Cunqueiro os sentidos de circulación previos ás obras, hai que actuar en moitos puntos do núcleo para que Foz sexa cómodo para todos, automobilistas e peóns.
A Nova Avenida Foz Centro presenta moitas vantaxes, que os socialistas destacan nos seguintes puntos:
1 Nova rotonda sobre a N-642 na Veiga da Sara
Esta nova rotonda enlazará a N-642 (variante) co Bispo Santo e co Barrio de Marzán a través da estrada da Deputación LU-P-2009, beneficiando non só ao núcleo e ao barrio de Marzán, senón tamén a gran número de veciños de Vilaronte e San Martiño.
A configuración proposta desta nova rotonda permitirá que a ponte actual sobre a variante sexa de uso peonil e para bicicletas, constituíndo o inicio dunha senda entre o núcleo urbano e a área recreativa do Bispo Santo, que será posta en valor.
Esta nova rotonda constitúe o inicio dunha avenida de 600 metros de lonxitude que prevé unir, pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio, que precisa dun arranxo completo e beirarrúas en toda a súa lonxitude.
Indicar que a disposición desta nova rotonda é unha obra de execución sinxela, dado que o túnel existente sobre o ferrocarril evita facer grandes e custosas obras de enxeñería.
2 Nova Avenida Foz Centro
A nova avenida de acceso a Foz, de 600 metros de lonxitude, prevé unir pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio. A disposición desta rúa permitirá, en fases futuras, ser tamén un punto de acceso ao instituto e a outras zonas de Foz. As prioridades dun Concello non permiten facer grandes inversións en moitos momentos, polo que é moi importante poder configurar as obras por fases.
3 Nova glorieta no Pico do Castro
A disposición dunha glorieta no Pico do Castro permite que se distribúa o tráfico cara a Marzán e cara a Álvaro Cunqueiro, a través dunha Rúa do Cemiterio que debe ser renovada. Prevese a disposición de xardíns e dun estacionamento urbanizado que dará servizo ao cemiterio e ao mirador natural que constitúe o Castro de Marzán.
Unha nova avenida funcional, útil, que servirá de acceso a Foz por un terreo sen grandes pendentes e que constitúe o mirador máis bonito que hai na vila, o Pico do Castro. Cunha inversión planificada no tempo, co apoio das Administracións e pensando no que é bo para os veciños, Foz pode mellorar, e moito – conclúen os socialistas









Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



