Lugo, 2 de abril de 2019.- O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que “non se pode soster a falsidade” de que as residencias da Deputación non abren por falta de permisos da Xunta, senón que hai que deixar claro “con datos precisos, que é a súa exclusiva responsabilidade dilatar as promesas e que a día de hoxe siga a manter todas pechadas”.
Ante as informacións que ofreceron recentemente representantes da Deputación e alcaldes dalgúns concellos afectados, Balseiro contrastou as estériles e falsas polémicas que arrastran os proxectos provinciais coa dilixencia da Xunta en materia de atención ás persoas maiores.
O delegado lembrou que nos últimos meses a Xunta abriu tres residencias -en Cervo, Paradela e Foz-, está a punto de poñer en marcha unha cuarta en Baleira, está financiando a apertura de cinco Casas do Maior na provincia (dúas nas Nogais, unha en Cervantes e as outras en Portomarín e O Páramo), e arbitrou medidas como o Bono Residencia para axudar aos usuarios a costear as prazas en centros residenciais.
Deste bono, engadiu, poderían estarse beneficiando os usuarios das residencias da Deputación se estiveran abertas. Neste sentido, lembrou que dos nove centros que promove a institución provincial, catro dispoñen do Permiso de Inicio de Actividade que concede a Xunta, un acaba de solicitalo hai 15 días -o 15 de marzo- e das outras catro “non temos nin solicitude”.
Máis en detalle, sinalou que a Deputación aínda non solicitou o permiso de actividade para as residencias de Meira, Ribas de Sil, Navia de Suarna e Pedrafita. A residencia de Castroverde ten o permiso de inicio de actividade da Xunta dende o 8 de xaneiro de 2018, a de Trabada dende o 13 de marzo do 2018 e a de Pol dende o 2 de abril do 2018; “hai máis dun ano que podían estar abertas”, afirmou Balseiro.
A de Ribadeo ten permiso dende o 18 de marzo. Ao respecto, o delegado apuntou que “a distancia entre as palabras e os feitos ponse en evidencia en dous casos ben próximos: A residencia de Foz, construída pola Xunta, obtivo o permiso o pasado 22 de marzo e ao día seguinte xa entraban os primeiros usuarios, mentres que a de Ribadeo, que promoven a Deputación e o concello, continúa pechada a día de hoxe”.
Pola contra, a Xunta puxo en marcha a residencia de San Cibrao, en Cervo, en agosto do 2018; a de Paradela, en funcionamento dende o pasado mes de febreiro, e a máis recente de Foz. En próximas datas tamén abrirá a de Baleira.