Lugo, 02 de agosto de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo financia unha trintena de espectáculos e actividades culturais que se celebrarán este mes de agosto en 15 concellos lucenses ao abeiro de distintas programacións que impulsa este departamento. Así, abrirá o calendario este venres Portomarín, que acollerá no albergue xuvenil unha actividade de dinamización lingüística, e o sábado un concerto de fados na praza do Camiño, ás 20.00 horas.
Tamén o sábado actuará na alameda da Fonsagrada o pallaso Antuan de la Cream a partir das 17.00 horas, e en nas piscinas municipais de Paradela comezará un espectáculo de teatro infantil ás 19.30 horas.
Outros concellos que disfrutarán dos distintos eventos programados para este mes serán Palas de Rei, Barreiros, Monforte de Lemos, Quiroga, Mondoñedo, Baleira, Pantón, Trabada, Chantada, Ribadeo, Guntín e Castroverde.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a práctica totalidade das citas forman parte do programa Cultura no Camiño, se ben tamén hai dúas de dinamización lingüística no marco do plan O galego campa!, en Palas de Rei e Portomarín, localidade que acollerá igualmente unha do ciclo Danza3.
A Consellería de Cultura e Turismo achega este ano o programa Cultura no Camiño a unha vintena de concellos de Lugo polos que discorren diferentes rutas xacobeas, que son beneficiarios das axudas convocadas para a contratación de actuacións escénicas e musicais que se desenvolven ata o 30 de setembro. A achega total na provincia ascende a 50.000 euros.
Actos para a vindeira semana
O mércores o centro sociocultural de Barreiros acollerá o espectáculo teatral-musical Os Rockenstein ás 12.00 horas; o día 8 actuará o mago Manuel Lamas na Praza de España de Monforte de Lemos ás 22.30 horas, e o venres no mesmo lugar e á mesma hora tomará o relevo o concerto de “Oye Como Va”, a cargo de Swing Sentido.
O sábado ás 12.00 horas, na rúa Real de Quiroga, Berta Ramos presentará o espectáculo de maxia Petite Caravane, e o mesmo día na Praza do Seminario de Mondoñedo -ás 12.30 horas- a compañia Mircromina ofrecerá o espectáculo infantil Vacacións no mar; en Portomarín concerto a cargo de Adrián Vigo e a súa banda, a partir das 20.00 horas; en Baleira concerto de Rodrigo Romaní ás 20.30 horas, e en Pantón concerto de Las Antonias ás 23.00 horas. Xa o domingo, Trabada acollerá o espectáculo familiar A galiña azul, a cargo da compañía Tanxarina.