Pol, 24 de agosto de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse hoxe a Pol para asistir á Festa ao Emigrante como un xeito de amosar o compromiso dos socialistas galegos cos que viven fóra e tamén cos que xa retornaron.
Dende alí, Gonzalo Caballero reivindicou a importancia das políticas públicas para xerar “igualdade” e condicións de vida “dignas” para a cidadanía e censurou os “recortes” postos en marcha por Feijóo.
“Os dez anos de Feijóo xeraron unha fenda aue provocou que centos de milleiros de persoas non poidan vivir nas condicións axeitadas e que outros moitos milleiros tivesen que abandonar Galicia”, denunciou o máximo dirixente do PSdeG.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero fíxose eco dun informe do CSIC que sinala que Galicia está moi por debaixo en prazas de residencia para maiores do que marca a OMS.
“Faltan máis de 14.000”, reprobou o candidato socialista á Xunta, quen puxo un “suspenso” á política social de Feijóo. Máxime, como dixo, á vista do envellecemento de Galicia, unha comunidade na que unha de catro persoas ten máis de 65 anos.
En contraposición, Gonzalo Caballero asegurou que “os socialistas galegos manteremos coa política social o maior compromiso”. “É unha das patas fundamentais para o futuro do país”, comprometeu.
A continuación, o líder dos socialistas galegos visitou a Festa ao Emigrante de Pol en compañía do alcalde, Lino Rodríguez Ónega, e outros cargos do partido como o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a secretaria provincial do PSdeG, Patricia Otero; o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga; a subdelegada do goberno na provincia, Isabel Rodríguez, o senador César Mogo e o deputado Luis Álvarez.