O pasado 27 de setembro tivo lugar fronte ó concello de Ribadeo, ás 20 horas, unha concentración polo clima.
Tempo ten pasado dende que a unha relixión se lle ocorreu meter nun libro, o da Xénese, aquelo de ‘esparcídevos e dominade a Terra’. Aínda faltaba para que Darwin explicara a supervivencia das especies ou para que se poidera seguir a expansión da raza humana por todo o planeta. E polo tanto, para ver cumprida efectivamente a profecía do dominio sobre a Terra. Un dominio que ten levado a que creamos como se nós non formáramos parte desta Terra que andamos a dominar. Aínda estamos a caer na conta que litro de petróleo que se colla e queime é litro de petróleo menos que temos para mañá, pero tamén uns 1500 L de dióxido de carbono que se lanzan á atmosfera, a máis de calor que lle metemos ó medio ó queimar, e calor que facemos que se acumule ó non poder despedilo ó espazo, entre outras cousas. Como cativos sen control cun xoguete novo (cada vez menos novo, cada vez máis descontrolado) e complexo (con complexidade aínda por descubrir) xogamos con el como se non tivera fin, ata que nos cansemos ou ‘se canse’, se estropee.
E xa hai tempo que comezou a funcionar peor. Abres o xornal, e é raro que non atopes calquera día con novas ‘illadas’ como as que atopo esta mañá: ‘Un glaciar no Mont Blanc, ó bordo do derrube’, onde a nova salta máis que nada polo peche de estradas afectadas, ou ‘A suba do nivel do mar ameaza con contaminar os acuíferos das zonas máis secas de España’, onde a preocupación tamén é a consecuencia: a falta de auga para seguir o ritmo que se impón á natureza. Preocupados polas consecuencias, está tardando a viraxe á preocupación polas causas, necesaria para evitar a desfeita, e máis aínda cando as causas interfiren coa nosa vida máis inmediata. Aí temos, tamén estes días, con moita máis difusión mediática, os peches da planta de alúmina-aluminio en San Cibrao, cara ó que se vai, ou o peche da central electrotérmica das Pontes, anunciado. Moita máis difusión mediática porque afecta directamente ó emprego, e á riqueza, tal como se concibe de xeito maioritario hoxe en día. Sobre a xestión da planta de alúmina e os perigos de que a dirección emigrara xa alertou hai tempo xente (como Isaac Díaz Pardo na Voz de Galicia, o 7 de febreiro do 1998), aínda que neste caso a relación coa emerxencia climática non é máis ca unha mínima parte do perigo pola balsa de lodos, e -simplificando- o peche virá cando as regalías a Alcoa sexan inasumibes para garantir unha rendibilidade elevada. Nas Pontes, o impacto da empresa sobre o medio é máis visible a curto prazo, e directo: a planta é o principal foco individual de emisión de gases de efecto invernadoiro na península. Mais, en ambos casos, o sistema económico político viu ignorando as causas, e agora resulta difícil (máis ben imposible) combatir os efectos.
Cousas como estas, con efectos bruscos, fondos, e máis achegados a nós, son as cousas que están sacudindo o xeito de pensar ó presentar, de súpeto, un calexón sen saída. Son as cousas que rematarán sacudindo o sistema ante a necesidade de colaboración e distribución en tódolos sentidos, ante a supervivencia. Cousas que levaron á concentración de Ribadeo a contar cunha asistencia entre 200 e 300 persoas (segundo que se conten ou non as incorporacións eventuais) e a ser un éxito de cara ó comezo dun cambio necesario na bisbarra.
Quedan anécdotas como que unha parella de policías locais presentouse insinuando que a concentración non tiña autorización (e entón, a ver que se facía coa interrupción da vía pública que se estaba a dar), para rematar asumindo que nin Alcalde nin Xefe da Policía Local parecían estar enterados (e o que había que facer estaba moi claro, axudar a que todo transcorrera ben). Pero son anécdotas, o mesmo que a propia concentración, ante a magnitude do problema, que en Ribadeo xa levou a un aumento da temperatura media anual de 0,6 ºC no que vai de século. Considérase que sería un desastre chegar a un incremento de 2 ºC a nivel global sobre a media do século pasado, e ese aumento significa que xa levamos case a metade, pois a finais do século XX xa se tiña comezado a carreira cara arriba.
Venme á cabeza aquelo de ‘a Deus rogando, e co mazo dando’, que neste caso implica non só facer as cousas de xeito diferente, senón ir abondo máis aló, mesmo decrecer, algo que o sistema, tal como está concebido e funcionando, non permite.



















Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



