Foz, 28 de novembro, 2019. A presente edición da Festa da Palabra dará rematada este xoves 28 de novembro cun recital a cargo do escritor Manuel Darriba, persoa ligada, por razóns de residencia, durante varios anos a comarca da Mariña e unha das voces máis recoñecíbeis do actual panorama literario galego.
Manuel Darriba, nado en Sarria en 1973, licenciado en xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveuse como xornalista en diversos medios de prensa, centrando actualmente a súa actividade no campo do guionismo. É autor dunha ampla obra literaria no ámbito da narrativa, con titulo como Experimentos coa mentira, Branco, O bosque é grande e profundo, Elefante, e tamén no da poesía, sinalándose nestes últimos Calor, Vostede non sabe con quen está a falar, Os indios deixaron os verdes prados ou Santa morte. Manuel Darriba recibiu diversos premios literarios, destacando os premios de poesía Espiral Maior e González Garcés.
A asociación cultural A Pomba do Arco quere agradecer a todos os autores e asistentes a súa presenza nesta edición da Festa da Palbara que toca o seu fin e reitera o seu compromiso en manter a Foz como unha das referencias do panorama poético galego con esta actividade.