Ribadeo, 4 de decembro de 2019. O XVI Mercado do Nadal terá lugar do 5 ao 8 de decembro no parque de San Francisco, en Ribadeo. O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso. Como novidade haberá un recuncho Arte_San, que será unha illa gastronómica con sabores da zona, na que ademais haberá charlas e tamén degustacións. Na tradicional cita haberá produtos ecolóxicos e artesanía, actuacións musicais e obradoiros para os máis pequenos e pequenas.O edil ribadense agarda que o Mercado do Nadal traia moita xente a Ribadeo e que encha as rúas de ledicia.
Vizoso explicou que “o próximo xoves, 5 de decembro, ás 17 horas da tarde abre as súas portas a XVI edición do Mercado do Nadal, unha cita xa ineludible en Ribadeo, onde a luz, a cor e o mercado tradicional son a súas sinais de identidade. O alumeado de Nadal e as 28 casetas de madeira, dúas máis que en anos anteriores, esperan sorprender coas súas creacións e delicias gastronómicas. Trátase dun dos eventos imprescindibles na Mariña con postos de artesanía, actuacións musicais e unha zona especial e novidosa que denominamos #Arte_San”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo manifestou que “como un aliciente máis para visitar Ribadeo durante estes días festivos, do 5 ao 8 de decembro, 28 expositores mostrarannos o seu traballo no parque de san Francisco de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Confiamos en que esta iniciativa volva atraer a veciños e veciñas e visitantes, repercutindo no comercio e na hostalería local e enchendo as rúas de ledicia. O traballo ben feito, a man e con delicadeza, marcan sempre a diferenza e fan único a un produto ou servizo e, polo tanto, ao cliente que o compra, esa é a base que seguimos á hora de desenvolver este mercado navideño”.
O edil contou que “no Mercado do Nadal poderemos atopar postos onde comprar agasallos de todo tipo, como artesanía en madeira, complementos, decoración do Nadal, xoiería en prata, cerámica, produtos de alimentación tradicional e artigos de coiro, entre outros. Entorno a el, un amplo e interesante programa de actuacións musicais e espazos creativos no que se organizan actos para todas as idades, como obradoiros e actividades tradicionais e colaborativas”.
Vizoso dixo: “así comezamos o xoves, e Amigos da Gaita Galega será o encargado de inauguralo ás 18.00 horas, de seguido haberá pasarrúas de Zúmballe da charanga A Choca. O venres 6 nos arredores do Mercado gozaremos da actuación musical da charanga Louband, das máis recoñecidas de Galicia. O día seguinte, o sábado, ás 19.30 horas no quiosco da música, toca cambio de estilo co grupo Swing Parade, e xa para rematar co plano musical, o domingo teremos unha vistosa sesión vermú de tango a cargo de Loca Bohemia. Ademais, en colaboración coa Área de Cultura do Concello de Ribadeo o venres, día 6, no Cantón dos Moreno a partir das dez da mañá e ata as tres da tarde, terá lugar a gravación do programa da TVG Os Inimitables coa participación de recoñecidxs artistas e grupos musicais como Los Berrones, Lucía Pérez, Susana Seivane e Cantigas e Frores, entre outros moitos. Os/as máis cativos/as tamén terán o seu espazo con dous obradoiros: o venres ás 17:30 horas na carpiña do Mercado, magosto e taller de baile tradicional a cargo de Amigos da Gaita Galega e o domingo ás 12:30 horas a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña impartirá un obradoiro manual de elaboración de chapas e murais”.
O edil ribadense subliñou que “nesta edición, outro espazo protagonista será, o recuncho #Arte_San, una illa gastronómica con sabores da zona, onde teremos a oportunidade de degustar e coñecer algo máis sobre os produtos selectos e artesanais coma os da Serra do Caurel a cargo de de Caurelor, Chocolates Moreno de Ribadeo, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Carabuñas de Vilar de Santos (Ourense) e Queixos Prestes de Vilalba, que ademais enriquecerán as actividades deste evento con charlas e degustacións. E para rematar, coma xa ven sendo habitual, acompañaranos a Asociación Cultural Amigos da Madeira de Ribadeo con exposición e demostracións de tallas e vimbia ou cestería. Será na oficina vella de turismo”.
Para Pablo Vizoso “todas estas actividades paralelas supoñen un incentivo para visitar Ribadeo durante estas datas. Así que, xa saben, desde o Concello animamos a todas e todos a visitar e desfrutar de Ribadeo nestas datas festivas”.





















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



