Lugo, 18 de febreiro de 2020. O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, recordou que “Feijóo leva gravado na fronte o PP aínda que agora queira agochar as siglas” porque “cada vez que o PP di algo, alí está Feijóo”. “Cando o PP tivo a condena pola Gürtel, Feijóo aplaudía a Rajoy; cando o PP pactou con Vox, Feijóo dixo que era o que había que facer; cando o PP votou no Congreso en contra dunha morte digna, Feijóo asumiuno e votou o mesmo no Parlamento”, recalcou.
Por tanto, sinalou Gonzalo Caballero, “o voto ao PP é o voto a Pablo Casado, a Cayetana Álvarez de Toledo, a Aznar, ao PP que dirixe unha estratexia de confrontación retrógrada e reaccionaria en alianza coa ultradereita de Vox…”. “E nós imos lembrar cada día que pase que Feijóo é o PP, e que o PP é un risco para as liberdades políticas, para os dereitos sociais, para a igualdade e para o estado do benestar”, remarcou.
“En política cada un está onde está. Eu estou no PSOE, e para min é un orgullo ser membro do PSOE porque os socialistas transformamos España para ben dende a Transición ata aquí”, destacou o candidato socialista, quen puxo en valor que o PSOE “loitou polas autonomías, pola sanidade e pola educación públicas, polos dereitos sociais, polas liberdades, polo dereito á interrupción do embarazo, ao divorcio e a unha morte digna, polo matrimonio entre persoas do mesmo sexo…”.
Neste contexto, Gonzalo Caballero advertiu de que “non se pode permitir aos políticos que agochen a súa ideoloxía” porque nas eleccións do vindeiro 5 de abril, afondou, os galegos e as galegas terán que decidir entre “dous modos de entender o país e a sociedade”. E, fronte ao proxecto do PP e os seus “socios” da dereita e a extrema dereita, de “esa España que non suma, senón que desune”, o secretario xeral incidiu en que “nós estamos coa maioría progresista”.
“Imos pedirlle aos galegos e ás galegas que nos acompañen para un cambio de ciclo en Galicia, para respaldar un goberno de coalición progresista en España e tamén para configurar un goberno progresista en Galicia que responda á maioría social de progreso que hai no país”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente da importancia da mobilización de cara a acadar un cambio de ciclo político en Galicia despois de 11 anos do PP de Feijóo na Xunta.
COMPROMISO CON LUGO
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións no marco dunha visita a Lugo para manter unha xuntanza coa alcaldesa, Lara Méndez, e amosar o seu compromiso cunha cidade na que, en palabras da rexedora, “Feijóo non inaugurou absolutamente nada en 11 anos de goberno”. “Non ten xestión que poñer en valor en Lugo”, remachou.
“A cidadanía está farta e dicindo basta xa”, sinalou a alcaldesa, consciente de que a cidadanía “quere cambio” e ter un presidente da Xunta que “aposte polas cidades” e co cal “o rural deixe de estar esquecido”. “Necesitamos unha persoa comprometida, como Gonzalo Caballero”, reivindicou, e puxo en valor que xa ten avanzado o seu “compromiso con Lugo” en distintas visitas á cidade.
“Eu estou convencida de que a cidade de Lugo vai responder, porque necesitamos ese cambio na Xunta para seguir crecendo”, manifestou Lara Méndez, ao que Gonzalo Caballero asegurou que a alcaldesa de Lugo terá no vindeiro presidente da Xunta “un aliado” na busca de melloras para a cidade.
“Nos seis primeiros meses de goberno imos desatascar proxectos históricos de Lugo que están atrancados por Feijóo e polo PP. Comprometémonos a poñer en marcha o Museo da Romanización, a desatascar o Plan Paradai e a Ronda Leste”, prometeu o candidato socialista, consciente de que “Lugo merece esa aposta” porque “é fundamental para os veciños da cidade e para toda a provincia”.
“ELECCIÓNS MOI IMPORTANTES”
Despois de apuntar que Feijóo non tivo “empatía” coas cidades porque nelas hai “unha maioría progresista liderada polo PSdeG”, Gonzalo Caballero sinalou que “os alcaldes socialistas son a mellor garantía para o progreso da cidadanía”.
“Hai unha nova Galicia que emerxe para pasar páxina aos once anos de desfeitas de Feijóo e do PP na Xunta. Hai unha nova Galicia que non se resigna, que ten ganas, que quere impulsar o futuro do noso país e de darlle á cidadanía galega unha posibilidade de vivir mellor”, finalizou o candidato socialista, coa vista posta nunhas eleccións galegas “moi importantes”.
Así é que percorrerá Galicia, como avanzou o candidato socialista, “co orgullo, coas ideas e co proxecto que temos para Galicia, cos nosos valores dunha Galicia máis xusta e máis solidaria, unha Galicia que aposte por unha nova política económica, por unha nova política de vertebración territorial, por unha nova política social e que afronte a grave crise sanitaria a causa dos recortes de Feijóo”.



















Este venres, 14 de agosto ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Espiritualidad", unha longa reflexión sobre a dimensión espiritual do ser humano, levada a cabo por 8 autores de diferences orientacións relixiosas, no Local Social do Parque Concepción Arenal (antigo matadoiro) de Ferreira do Valadouro. Estará presente o autor-coordinador da obra Pepe Peinó.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.



