Burela a 6 de febreiro de 2020. CIG Saúde A Mariña lembra que levamos 10 anos de políticas sanitarias intencionadas do Partido Popular para recortar, para desmantelar, para centralizar a asistencia sanitaria en Lugo cidade e para privatizar pouco a pouco a sanidade pública e así facer negocio coa nosa saúde e beneficiar á medicina privada.
“Cumpre lembrar que no ano 2013 co decreto de Xestión Integrada, na Mariña perdemos orzamento propio, autonomía e capacidade para decidir sobre os recursos humanos e materiais.Sumado á reforma da Lei de Saude no ano 2018, fortemente rexeitada e contestada pola veciñanda da Mariña, que nos fai desaparecer como Área Sanitaria deixando ao Hospital da Mariña como un simple ápendice do HULA, a pesares dunha ampliación, consecuencia das numerosas manifestacións e da presión social, principalmente da cacerolada do ano 2013, donde esta plataforma recibíu unha multa política de 3.500 euros por esixir simplemente a ampliación do centro hospitalario”, explican.
“Froito das denuncias públicas, das mobilizacións e da presión social, o señor Feijóo vese na obriga de anunciar a ampliación do noso hospital, unha obra civil con máis metros cuadrados e só 16 novas camas, que non ven acompañada de máis e mellores servizos, por moito que o PP o repita un día si e un día tamén, pero si chea de moitas deficiencias e precariedade laboral”, salientan.
Na Mariña non nos rendemos nin nos resignamos.
Apostamos por unha sanidade pública digna e de proximidade, pola blindaxe dos servizos existentes, pola creación de máis e mellores servizos e prestacións sanitarias no Hospital da Mariña e pola recuperación da Área Sanitaria roubada que nos permita ter capacidade de decisión sobre os nosos recursos humanos, materiais e infraestruturas.
Defendemos unha Atención Primaria Digna, porta de entrada ao sistema sanitario público galego.
Rexeitamos a precariedade laboral en todas as categorías sanitarias que impide garantir unha atención sanitaria de calidade e unha continuidade asistencial nos coidados.
Rexeitamos as mordazas sanitarias que pretenden silenciar as nosas voces, algo propio de gobernos totalitarios que non son capaces de convencer con palabras e feitos. E por iso o PP saca unha instrución (a instrución 1/20) para silenciar as voces críticas, non tardando nin 48 horas en aplicala na Mariña retirando e confiscando duas faíxas que simplemente poñían NON Á SUPRESIÓN DA ÁREA SANITARIA DA MARIÑA, un sentir maioritario da comarca, en base a que eran ofensivas.
CIG Saúde A Mariña advirte ao Partido Popular, “que non imos calar, que non imos deixar de informar e de mobilizarnos sempre e cando sexa necesario na defensa dun ben común: unha sanidade pública digna e de proximidade para A Mariña e desde A Mariña”.
Suliñan que “temos razóns dabondo para ateigar novamente este domingo as rúas de Compostela, e erguer a voz para dicir que a sanidade pública é unha das grandes conquistas sociais, pois fainos iguais ante a enfermidade e garante o dereito á saúde das persoas con independencia dos recursos económicos”.
Por iso, desde CIG SAÚDE A Mariña, facemos un chamamento ao persoal do SERGAS e á veciñanza da Mariña a apoiar e secundar a manifestación convocada para este domingo día de 9 de febreiro por SOS Sanidade Pública ás 12 horas con saída da Alameda de Compostela.