Ribadeo, 23 de marzo, 2020. O Sindicato Labrego Galego, tras contactar coas labregas que adoitan participar no mercado dos mércores de Ribadeo e comprobar a súa disposición a recuperar esta necesaria e tradicional cita semanal, ven de presentar no rexistro do Concello de Ribadeo unha solicitude para a reapertura á maior brevidade da venda de alimentos locais dos mercados dos mércores e sábados nos exteriores da praza de abastos da vila.
Achégase o contido da solicitude presentada:
Os mercados municipais, calquera que sexa a súa periodicidade, supoñen a principal vía de ingresos económicos para miles de familias labregas na Galiza que apostaron pola venda directa dos seus produtos e por unha relación de ti a ti coa súa clientela.
As restricións e prohibicións decretadas polo estado de alarma e a emerxencia sanitaria foron interpretadas de maneira errónea por moitos concellos como unha obriga de pechar estes mercados, privando aos labregos e labregas que venden neles dunha das súas principais fontes de ingresos. O impacto nas economías labregas é aínda maior se pensamos que algúns dos principais compradores de alimentos labregos, como comedores escolares, tamén deixaron de funcionar por mor do estado de alarma e da emerxencia sanitaria.
O estado de alarma e a emerxencia sanitaria permiten a celebración de mercados de alimentos, xa que están a fornecer á poboación dun ben esencial que non debe sufrir ningún tipo de coerción ou atranco. De seguido, seleccionamos algunhas das instrucións de instancias como a Comisión Europea, o Goberno do Estado ou a Consellaría de Medio Rural ao respecto:
• A compravenda de alimentos está protexida dentro da actual situación de emerxencia sanitaria, permitíndose os desprazamentos a centros comerciais para a súa adquisición, mesmo con total liberdade horaria, tal e como reflexa o artigo 7 do Real Decreto 463/2020. Se ben é certo que se recomenda non celebrar actividades ao aire libre, entre as que se incluíron as feiras e os mercados, a recomendación especifica que vai dirixida a “aqueles eventos que supoñan concentracións de máis de 1.000 persoas”, polo que os mercados de proximidade que se celebran periodicamente en Galiza non entrarían neste suposto, non sendo incluídos tampouco estes espazos na relación de equipamentos e actividades con apertura ao público que quedan suspendidos segundo o disposto no artigo 10 do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo.
• A circular publicada pola Comisión Europea baixo o título “COVID 19. Directrices para medidas de xestión fronteiriza para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade de bens e servizos esenciais”, con data do 16 de marzo, a circulación de alimentos debería quedar protexida e blindada na actual crise. Así, no sexto punto do segundo capítulo desta circular di
que “Os Estados membros deberán preservar a libre circulación de todas as mercadorías. En particular, deberán garantir a cadea de subministración de produtos esenciais como medicamentos, equipos médicos, produtos alimentarios esenciais e perecedoiros e gando. Non se deberá impoñer ningunha restrición á circulación de mercadorías no mercado único,
especialmente (sen limitarse a) bens esenciais, relacionados coa saúde e perecedoiros, nomeadamente produtos alimentarios, salvo que estean debidamente xustificados”.
• O Goberno de España, a través da súa delegación na Comunitat Valenciana, respondeu ao Govern da Generalitat que “…sobre a posibilidade de autorizar a venda ambulante de mercadorías en mercados autorizados (…) Autorízanse unicamente a venda de produtos de primeira necesidade. Enténdese por produtos de primeira necesidade a alimentación e
a droguería (hixiene e limpeza)”.
• Comunidades autónomas como Illes Balears, na normativa que rexe o estado de alarma na súa comunidade inclúese o seguinte punto: “Pídese aos concellos que manteñan os postos agroalimentarios nos mercados municipais, semanais e estacionais, como medida para garantir o subministro alimentario á cidadanía”. Castela A Mancha tamén publicou unha instrución da súa Consellería de Sanidade no mesmo sentido o 18 de marzo.
• A Consellaría de Medio Rural, nunha nota de prensa emitida o 19 de marzo, dirixíndose ao Ministerio de Agricultura, di: “Así, o conselleiro puxo sobre a mesa, por exemplo, a posibilidade da venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade e para os vexetais a por maior e menor para a plantación en hortas, xa que o peche dos mercados lles está dificultando -dixo- chegar aos seus clientes. Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións”.
Por todo iso desde o Sindicato Labrego Galego solicitamos ó Concello:
1. Que se reanude a celebración do mercado semanal, EXCLUSIVAMENTE PARA PRODUTOS ALIMENTARIOS, proporcionando aos vendedores e vendedoras todas as instrucións e materiais necesarios para poder desenvolver o seu traballo como distribuidores de bens esenciais nunhas condicións idóneas de seguridade e hixiene, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias, para evitar contaxios.
2. Que apoie as granxas ribadenses e da contorna, para paliar a difícil situación que están a atravesar, mercando os seus produtos para fornecer as compras de alimentos programadas polos servizos sociais municipais ou calquera outras que dependan da súa competencia.
3. Que promova o consumo nos mercados de proximidade como medida de apoio ás economías locais e por ser máis seguros, dende o punto de vista sanitario, que o comercio en recintos pechados nos que se poden producir aglomeracións humanas e nos que non existe control sobre as persoas que manteñen contacto cos produtos dos andeis.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



