Ribadeo, 19 de abril de 2020. Acisa lamenta o pasamento do ex presidente da asociación, Andrés Tojal Rouco, ocorrido hoxe, domingo.
Acisa faille chegar o seu pesar á familia e aos amigos de Andrés Tojal, o que fora o primeiro presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, constituída o 30 de maio de 1989. Sete folios mecanografiados formaron a acta fundacional na que se recollían os fins da asociación: a representación, defensa e promoción dos intereses económicos, sociais, profesionais e culturais dos seus afiliados; fomentar a solidariedade dos socios promocionando e creando servizos de natureza asistencial; fomentar a promoción comercial, cultural, industrial, de servizos e turística do municipio de Ribadeo; e coidar as relacións cos organismos municipais, provinciais, autonómicos e nacionais, na procura do mellor desenvolvemento dos intereses dos sectores representados.
Acompañaron a Andrés Tojal na primeira directiva de Acisa como vicepresidente Ignacio J. Oñate G. de la Rasilla, o secretario era Antonio Andina Penabad e o tesoureiro Edelmiro Rivas González. Como vocais actuaban: José Luis Botana Veiguela, Mª del Carmen Mon Bellón, José Fernández Mauricio, Miguel Díaz Rodríguez, Maximino Aramburu Mejeras e Francisco Maseda García.
Tojal Rouco ocupou o cargo de presidente de Acisa ata o ano 1992, momento no que foi substituído por Pablo Vizoso Iglesias, falecido hai pouco máis dun ano. Ambos foron homenaxeados, xunto aos outros presidentes da asociación, cando se cumpriu o 25 aniversario do colectivo.
Acisa agradece o traballo realizado por Andrés Tojal na súa etapa como presidente da asociación.
