Viveiro, 22 de abril de 2020. O GALP A Mariña-Ortegal vén de lanzar, xunto ao resto de GALPs de Galicia, a campaña “Queda na casa, queda co noso mar”, que utiliza o cancelo #QuedaCoNosoMar, para visibilizar o labor da xente do mar ante a situación provocada polo coronavirus Covid-19.
A iniciativa achega información de primeira man sobre a importancia que ten o traballo do sector, tanto a nivel económico e social. Para iso, o GALP achega diversas voces para reflectir as valoracións e testemuñas procedentes das distintas actividades do mar (pesca extractiva, marisqueo a pé, comercios, etc.).
Entre esas voces destaca a do Presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, que recoñece que “son días moi complicados” para o sector, do que viven directamente 22.000 persoas na nosa comunidade. Sinala que dende a Federación traballan para defender “a importancia que o consumo de produtos do mar ten para a sociedade”, así como as características particulares que existen entre as distintas actividades do mar, como poden ser a pesca e o marisqueo.
Pola súa banda, o Presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, asegura que dende o inicio do estado do alarma o sector do mar, tanto en Galicia como no resto de España, “reduciu en gran medida a súa actividade, con paróns de ata o 70% da frota nalgunhas autonomías”, provocado pola necesidade de equipos de protección individuais (EPIs), a caída da demanda doméstica e o peche da canle Horeca (hostalaría e restauración).
Porén, Otero destaca “a valentía” da xente do mar que, a pesar da menor actividade, continuou traballando para garantir a subministración de produtos á cidadanía. Basilio Otero considera que tanto o peixe como marisco son alimentos que deben chegar aos fogares debido “ao seu alto valor nutricional e enerxético”.
Situación por provincias galegas
En Lugo, Basilio Otero, Presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, asegura que a situación “é distinta respecto ao resto de Galicia” debido ás súas características propias, con sobre todo pesca de altura, baixura e moi pouco marisqueo, e tamén á maior duración da campaña da cabala. Isto, sumado a unha lixeira suba dos prezos e do consumo durante a Semana Santa, fixo que a situación se normalizara un pouco, pero “aínda queda moito que recuperar”, engade.
Na provincia da Coruña, a situación varía en función da confraría, pero en xeral estanse establecendo quendas de saídas ao mar, xa que debido ao descenso da demanda, non é preciso que toda a frota estea en activo. O Presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, pide á cidadanía que non deixe de consumir produtos do mar, “xa que a súa venda non só mantén os empregos directos, senón a toda unha cadea, entre a que hai empresas conserveiras, depuradoras ou transportistas”. Ademais, reclama “compensacións” para as persoas que tiveron que parar para cumprir co decreto de estado de alarma e para as que teñen que vender o produto “con caídas de prezos de entre o 50 e o 85%”.
En Pontevedra a maior parte da actividade de marisqueo está paralizada e tanto a pesca artesanal como as lonxas funcionan ao 60% ou 70% da súa actividade habitual, como destaca Javier Martínez, secretario da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Destaca o labor da xente do mar, que “é un dos colectivos que primeiro se sensibiliza” cunha situación como a provocada pola pandemia do Covid-19. Martínez indica que, “á parte do aspecto económico, a xente do mar tamén está preocupada polo abastecemento á cidadanía”, de aí que reivindique unha maior atención ás inquedanzas do sector, especialmente das mariscadoras.
Situación na Mariña e Ortegal
Pola súa banda, o Presidente do GALP A Mariña-Ortegal, Javier Martínez, sinala que na zona da Mariña e Ortegal, como no resto de Galicia, o sector do mar dá de comer a moitas familias, e non só mariñeiras. “Ten unha capacidade de arrastre moi grande. Non só abrangue aos intermediarios ou comercializadores de peixe, senón tamén unha importante infraestrutura necesaria para subministrar o peixe” explica. Concretamente na área de influencia do GALP operan as lonxas de Burela, Celeiro e Cedeira, que están entre as cinco máis importantes de Galicia “e iso é un movemento grande de peixe e traballadores”, engade.
Un sector que emprega a máis de 100.000 persoas
A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, e xeran unha riqueza superior aos 1.100 millóns de euros, o que representa o 2% da riqueza de Galicia (PIB), segundo datos da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Esta importancia da pesca é moi superior nalgúns municipios costeiros, onde a actividade extractiva, acuícola e transformadora son claves na economía local. Isto acontece nun de cada cinco concellos costeiros, onde o peso deste sector achega máis do 10% do seu PIB.
En 2019, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse máis de 158.000 toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de case 470 millóns de euros, segundo o Anuario de Pesca 2019.
O sector do mar non só é un piar estratéxico para a economía galega, senón que é a actividade produtiva máis característica da Galicia diante da economía europea.






















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



