Ribadeo, 10 de abril, 2020. Atopámonos a vivir unha crise sanitaria nunca antes vista, dunha enorme gravidade, que está a xerar un impacto social tremendo e cun custe final en vidas que aínda non coñecemos. O COVID-19 está a colapsar algúns servizos sanitarios, case que desmantelar moitas residencias de maiores e a deixar ben ás claras o efecto dos recurtes e privatizacións nos eidos da saúde e os servizos sociais, coma noutras pólas da árbore do público na Galiza e no Estado.
Contra esta desfeita, profesionais en gran parte precarizadas, maioritariamente mulleres, loitan polas nosas vidas poñendo en perigo as súas e das súas familias, en condicións moi duras. Desde En Marea Ribadeo queremos amosar o noso agradecemento a todas elas: profesionais da sanidade, en primeiro lugar, da limpeza, dos coidados, funcionarias dos servizos sociais, forzas de seguridade e da administración, labregas que nos alimentan, transportistas e traballadoras dos comercios que seguen abertos e con quendas esaxeradas. Agardamos que rematada a crise obteñan para sempre o recoñecemento que merece o seu esforzo con contratos dignos e estables.
No eido específicamente local, valoramos tamén o esforzo da equipa de goberno para mitigar no posible os efectos desta crise nas súas vertintes sociais e económicas, promovendo o consumo de alimentos locais, achegando axudas para persoas desfavorecidas e reducindo os custes fixos dos comercios pechados.
Con todo iso, desde En Marea consideramos que esta crise vai superar con moito as medidas dispostas a día de hoxe polas diferentes administracións. Parecía imposible que doce anos despois do 2008 puideramos estar comezando a caer nunha crise que ameaza ser moito peor ca do estoupido da burbulla. Porque chove sobre mollado, e porque a maiores da súa gravidade a pandemia é unha crise relacionada directamente coa mobilidade global polo que a súa incidencia maior pode agardarse sobre o seitor turístico, e coma sempre, cos colectivos máis marxinados e desfavorecidos.
Son moi malas novas para a nosa vila, moi dependente dun turismo e hostalería cuxo futuro próximo queda fortemente tocado, sen que as sombras se despexen cara máis adiante. A diversificación da nosa economía, tantas veces plantexada, amósase hoxe máis necesaria e urxente ca nunca antes. Os datos indican que xa comezou a medrar o desemprego, especialmente nas persoas con contratos máis precarios -mulleres-, e nos pequenos autónomos de toda caste que viven do poder adquisitivo da veciñanza.
Será precisa unha resposta rápida á emerxencia social pola parte de todas as administracións, tamén da municipal. Tras case un mes de confinamento, co cansancio e aínda o medo no corpo, o día seguinte nas rúas deberemos afrontar unha situación nunca antes vista (ogallá finalmente non sexa tanto) para a que cómpre estar preparadas.
Precisamos neste momento deixar atrás enfrontamentos e xuntar forzas coma nunca antes. Desde En Marea ofrecemos o noso apoio para poñer a traballar cabezas e mans, todas a unha, e cantos recursos e ferramentas atopemos para resistir, máis unidos e fortes, a esta emerxencia social. Trala emerxencia médica das vidas, precisaremos un esforzo igual de importante para garantir un mínimo vital para todas as veciñas.
Debemos pedir -esixir- de fóra tantas axudas como entendamos xustas, mais non ficar agardando a súa chegada, porque cabe a posibilidade de que non cheguen. É hora de salvarnos entre nos, co Concello á cabeza, mais sen deixar soa á corporación. Entendemos que de inmediato precisaremos reforzar as equipas dos servizos sociais e incrementar a capacidade do banco de alimentos, con voluntarias. Haberá que organizar unha rede de voluntariado e apoio mutuo para detectar mellor as necesidades e demandas das persoas mais marxinadas e dependentes, e aproveitar con rigor a medida que permite ós concellos destinar o superávit fiscal do 2019 a servizos sociais para axudar a pasar este primeiro trance ás familias e pequenos negocios do mellor xeito posible.
A este respecto cómpre facer moito fincapé na normalización de recorrer ós servizos sociais municipais. A nosa cultura estigmatiza a pobreza (falemos con claridade) e iso ben pode levar a que as veciñas afectadas sofran fame ou frío na casa por vergoña a pedir axuda. Ir ós servizos sociais cando fai falla debe ser visto tan normal coma ir ó médico, e todas as persoas temos aí un papel para vixiar o benestar unhas das outras. Aínda que por suposto o papel activo e preponderante debe corresponder a uns Servizos Sociais proactivos e reforzados.
Mais tampouco debemos esquencer de mirar máis adiante. A necesidade de diversificar cara ó futuro a economía da nosa vila é hoxe unha urxencia: para ilo, propoñemos crear un grupo aberto (ese Consello de Particiación Social que viñamos demandando) que comece a estudar ideas para a transición de Ribadeo a un modelo máis resiliente e sustentable, menos dependente da economía global e máis baseado nos nosos propios recursos, capaz de aproveitar ó máximo os fundos que se oferten desde Europa e o Estado para a transición ecolóxica, creando emprego local de calidade na mellora da eficiencia das edificacións, nas renovables, na compostaxe do lixo, a produción agroecolóxica e outras liñas similares, en coherencia co Pacto dos Alcaldes asinado polo noso Concello en marzo do pasado 2019.
A man queda tendida, e o tempo apremia.
Grupo local de En Marea en Ribadeo.