Creo, profundamente, en que este non é o momento de facer política. Hai momentos na historia do mundo, dun país, dun concello que merecen que o apoio entre as partes sexa total.
Cando un pobo deposita sobre ti a responsabilidade de gobernar, faino coa esperanza de que as túas ideas miren pola totalidade da poboación e que, con acertos e erros, sexas capaz de mellorar a súa calidade de vida e de ser xusto nas medidas que leves a cabo. Actualmente Portugal é un espello onde mirarse, os seus políticos están actuando cunha altura de miras encomiable. Non é así aquí.
Hoxe, por responsabilidade, debo contestar a informacións que o Partido Popular de Foz está dando é que son incertas. Creo que o pobo de Foz merece que non se lle minta e ser consciente da realidade municipal.
O primeiro punto é que parece que as medidas fiscais levadas a cabo sexan debido a unha nota de prensa que publicaron esta semana pasada. Isto é erróneo. Foz é un dos poucos concellos da zona cun Decreto de Alcaldía aprobado neste senso. Levábase un par de semanas traballando na forma correcta de aprobalo, xa que como coñeceredes, a burocracia é lenta, moito máis do que nos gustaría a todos.
O segundo punto son os cubre bocas (mascarillas). Dende o Concello seguimos as pautas que marca o Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade neste senso, polo que non son obrigatorias. Carecemos de competencias no ámbito sanitario polo que non podemos tomar decisións legais non amparadas por outros entes. Dende o domingo estanse a repartir todas as mascarillas que nos enviou a Deputación de Lugo para a poboación, en diversos puntos onde poderedes atopar a Protección Civil ou Policía Local e aos que sempre poderedes pedirlles se as necesitades. Tamén poñemos a disposición o número de teléfono do Concello para solicitalas ata esgotar existencias (982.14.00.27 ext.1). Pero o máis importante non son as mascarillas, senón a responsabilidade de cada un de nós. Manter a distancia de seguridade e sobre todo a hixiene de mans é o esencial. As mascarillas poden ofrecer unha falsa seguridade e que baixemos a garda sobre a hixiene ou os xestos que facemos. O mal uso das mesmas tamén é moi perigoso, moito máis que non levala. Ante calquera dúbida, sempre respectar as medidas promulgadas polo Ministerio de Sanidade.
O terceiro punto é aquel no que se fala de que o anterior goberno deixou 4 millóns de euros nas contas do Concello e que se poden gastar. Esta cantidade non é a que figura no arqueo de caixa recibido no pleno de investidura. Parte dese importe corresponde á recadación ordinaria do ano en curso nese momento. Ademais o Concello tamén mantén un préstamo solicitado para o arranxo da rúa Álvaro Cunqueiro, por un importe que nese momento era superior ao medio millón de euros. Pero nada disto é o principal. O fundamental é NON MENTIR á poboación. Esixirlle a alguén que faga algo que sabes que non se pode facer. Ou peor, descoñecer despois de estar 8 anos gobernando que non se pode levar a cabo. Nunha explicación curta, pódese dicir que o ministro Montoro promulgou no ano 2013 unha lei na que impedía que os concellos fixeran uso dos remanentes producidos. Que por outro lado non deberían existir se se realiza o gasto de forma correcta, xa que un Concello debe investir todo o posible nos seus cidadáns. Esa lei tamén fai que Foz deba realizar un Plan Económico Financeiro que lle diga canto pode gastar durante os próximos dous anos, xa que o anterior que se aprobou se incumpriu, xa o orzamento o incumpría, pero aprobouse igual. É importante regularizar unha situación que nos impide acceder a todas as medidas que o Estado pon á nosa disposición. É iso é o que estamos facendo. A pregunta é cre a cidadanía que se ese diñeiro se puidera utilizar o anterior goberno non o tería feito?
Non sabemos o tempo que o virus convivirá con nós, nin cando abrirán todos os comercios e locais, nin se a enfermidade fará que cambiemos algúns dos nosos hábitos. Estamos de acordo en que as medidas principais serán as sociais, porque se debe axudar a todos aqueles que o necesiten, na medida das posibilidades dun concello das características do noso. Sempre apoiaremos e axudaremos á poboación de Foz. Seguiremos traballando buscando máis medidas a aplicar e pensando no presente e no futuro. Agradeceremos todas as achegas e terémolas todas en conta. Porque isto non rematou e temos que seguir adiante. Agora e máis despois.
Agradecer enormemente a todos aqueles que están traballando nestes momentos tan difíciles. E agradecer a responsabilidade individual de cada unha das persoas que respectan as medidas de seguridade e quedan na casa. Se nos coidamos nós coidamos de todos!
INÉS LÓPEZ COUTO (2ª Tenente de Alcalde do Concello de Foz)


















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



