Lugo, 20 de maio de 2020. A Deputación de Lugo acaba de integrarse na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, un ente de ámbito estatal que está coordinado pola Secretaría de Estado de Turismo. A súa candidatura foi aceptada este mércores pola mañá na Comisión Executiva da Rede que se celebrou por vía telemática e que estivo presidida pola Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, amosa a súa satisfacción xa que “será clave para o proceso de reactivación do turismo da nosa provincia e repercutirá positivamente na chegada de visitantes despois da crise do coronavirus Covid-19”.
García Porto subliña que esta adhesión non supón ningún compromiso económico para a institución, pero insiste no valor enriquecedor que leva consigo “traballar en rede con outros destinos que teñen a mesma filosofía ca nós, que apostan polas novas tecnoloxías e que teñen como fin achegarlle ao visitante outra maneira de descubrir os destinos, considero que desta maneira lograremos facer de Lugo un destino moito máis atractivo”. Ademais, engade que “no novo panorama que debemos afrontar agora, a plataforma será crucial para compartir información e guías de boas prácticas, impulsar novas ferramentas punteiras no sector e moitas outras accións coordinadas por expertos dependentes do Ministerio de Turismo, que nos axudarán a adiantarnos ás novas demandas dos viaxeiros”.
García Porto expón que dende a Deputación se reformulou a estratexia turística ante o novo panorama actual, pero sempre apostando por iniciativas que estean á vangarda do sector. “Traballamos para reforzar Lugo como un destino fiable, de calidade e de excelencia, centrado en valores como a seguridade, a tranquilidade ou a sustentabilidade, e potenciando atractivos como a natureza, o rural ou a enogastronomía, é dicir, proxectar Lugo como lugar saudable que é”.
Candidatura
Entre os aspectos que se valoraron para aceptar a candidatura da Deputación de Lugo, tívose en conta a gobernanza a través do Consello Provincial de Turismo, as iniciativas que se están desenvolvendo como a implantación dun sistema de información turística intelixente, a través de plataformas que estarán dispoñibles en diferentes dispositivos portátiles ou, entre outras, a aposta por aplicacións móbiles como Lugo Cambia 360º e Inventrip. “Coas accións que estamos levando a cabo evidenciamos que temos un claro interese por apostar polo emprego das novas tecnoloxías como ferramenta de consolidación do turismo no territorio. Son unhas actuacións que queremos que se vexan potenciadas grazas a esta integración dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”, subliña.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo expón que se dá un paso adiante ao integrarse nesta rede que “ten como obxectivo impulsar a innovación e a tecnoloxía no ámbito do turismo en España e contribuír desta maneira a que os destinos sexan máis competitivos”.
Sobre a Rede RDTI
A Rede de Destinos Turísticos Intelixentes constituíuse o 27 de febreiro de 2019 e ten como obxectivo promover un novo marco de referencia para consolidar a competitividade do modelo turístico español. Hoxe integráronse 16 novos destinos, co que o número de membros da Rede se eleva ata os 121 (88 son destinos, 16 membros institucionais e 16 empresas colaboradoras).
Ademais da recén integrada Deputación de Lugo, na Rede intégranse outros cinco destinos galegos: os concellos de Ourense, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Pontevedra e de Ourense.
Apoio ao sector
A Deputación de Lugo puxo a disposición do sector turístico provincial información relevante para facilitar a desescalada e a adaptación á nova realidade xurdida pola crise sanitaria do Covid-19. A través nun novo espazo na páxina web de Turismo, os profesionais e empresas deste sector poden atopar documentación como o Plan de Transición cara a Nova Normalidade establecido polo Ministerio de Sanidade, os servizos de asesoramento gratuíto que ofrece a propia Deputación a empresas, autónomos e emprendedores ou as axudas dispoñibles para o sector.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que “esta iniciativa permitirá que un dos sectores económicos máis importantes da nosa provincia e un dos máis afectados pola crise sanitaria poida atopar toda a información nun solo click e axudar deste xeito que as empresas reabran coa máxima seguridade”.

















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



