Ribadeo, a 19 de maio de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, celebra que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicase no día de onte a inscrición no Rexistro de Variedades Comerciais o pemento de Piñeira; un paso, di, que “é o resultado do traballo que vimos facendo dende as administracións para potenciar a súa comercialización e produción”.
“Foron varias a comparecencias que tivemos na Comisión Sétima do Parlamento para instar á Xunta de Galicia, tanto dende o punto de vista da promoción como da formación, a recoñecer a nosa horta e, agora, vemos que por fin se recoñece o pemento de Piñeiara. Ribadeo ten uns produtos hortícolas extraordinarios que ben merecen postos en valor”, subraia o popular.
Esta inscrición é consecuencia do labor que desenvolve o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que depende a consellería do Medio Rural, dende hai quince anos para por no mercado produtos diferenciados e con características únicas e propias do seu lugar de orixe, como é o pemento de Piñeira. Esta é unha variedade completamente autóctona que, no seu día, supuxo un peso moi importante na economía dos agricultores da localidade. “O noso pemento é unha delicatessen e debemos valoralo como tal”, manifesta con certo orgullo Daniel Vega.
“Seguiremos traballando”
Neste senso, Daniel Vega avanza que “seguiremos traballando para aumentar o seu valor diferenciador e a súa marca de calidade no mercado”. E é que, lembra o popular, “a súa carne grosa, a súa pel fina e o seu sabor e olor, aínda que é semellante ao de Mougán, o froito é notablemente diferente. O noso é de catro puntas e moito máis grande”, remarca.
Dende o Grupo Municipal do Partido Popular manifestan así a súa satisfacción polo recoñecemento deste produto que é un exemplo, apuntan, “da horta tan produtiva que temos e de que a agricultura tamén pode ser un medio de vida para a mocidade”. A este respecto, adianta o seu voceiro que xa están a estudar novas medidas co asociacionismo para darlle relevancia tanto á semente, como ao propio produto, así como coa hostalería para que compre o produto local.