Santiago de Compostela, 11 de Maio 2020. A portavoz nacional, Ana Pontón, felicitou ao conxunto da sociedade polo impecable exercicio de responsabilidade e polo esforzo realizado nestas semanas de confinamento que permiten a Galiza entrar na fase1. “Os galegos e as galegas fomos un exemplo de civismo, de capacidade de resistencia e de responsabilidade e quero amosar o meu orgullo ”, salientou a líder nacionalista.
Precisamente para non botar ao lixo ese esforzo colectivo, a dirixente do BNG pide afrontar a desescalada seguindo os principios de prudencia e de cautela ante un presidente da Xunta empeñado nunha “carreira” que pode levarnos “á casilla de saída”. “É unha fase de enorme fraxilidade porque o virus non está derrotado senón que segue entre nós con risco de contaxio e hai que evitar erros que nos fagan dar pasos atrás”, explicou Pontón, que ve con preocupación a actitude dun Feixóo que aínda ben non arranca a fase1, sen saber cal vai ser a evolución, xa está pedindo “celeridade” para entrar na seguinte fase.
“Non se trata dunha competición a ver quen gana, senón dun proceso que require prudencia e a máxima cautela, porque todos e todas queremos recuperar a normalidade canto antes pero a desescalada non é un sprint, é unha carreira de fondo na que é importantisimo dosificar ben as forzas, acertar coas medidas, acertar coas propostas que se poñen en marcha e acertar cos tempos para chegar con éxito á meta que queremos alcanzar: superar a pandemia, ganarlle a batalla ao coronavirus e poder recuperar as nosas vidas”, argumentou Pontón.
Con este obxectivo, a líder do Bloque denuncia que Feixóo “ten os deberes sen facer” en cuestións que considera clave para avanzar con pé firma. En concreto, urxe reforzar a atención primaria, un protocolo de uso das máscaras e un plan de rastreo do virus con persoal específico.
“Feixóo non presentou nin unha soa medida para reforzar a atención primaria pese a que vai ser clave nesta fase de desconfinamento e se hai tres meses precisaba con urxencia máis persoal e máis medios, como vai estar agora cando ao traballo ordinario se lle suma a loita contra a pandemia? Cando se pretende que sexan os centros de atención primaria os que se encarguen de detectar os contaxios do virus nesta nova fase’”, interpelaba Pontón. A proposta do Bloque é clara: dotar á atención primaria con 200 millóns de euros adicionais que permita dotala de máis medios humanos e técnicos.
En relación ás medidas que dificultan o contaxio agora que se recupera progresivamente a mobilidade, a nacionalista reprocha ao presidente da Xunta “que siga mirando para outro lado” en relación ao uso das máscaras sen que o executivo galego teña fixado un protocolo de uso que, a xuízo do BNG, debe ser obrigatorio e, para iso, debe haber un reparto masivo e gratuíto de máscaras entre a cidadanía. “Senón se fai así, a poboación estará correndo un risco evitable”, salienta.
Evitar un contaxio masivo na desescalada
Tamén considera clave a posta en marcha dun plan de rastreo do virus contratando persoal específico e preparado para facelo, unha cuestión fundamental tendo en conta que todo apunta a que o virus circulou pouco por Galiza. “Iso ten a boa nova de que o número de afectados foi menor que noutros territorios, pero tamén ten un aspecto preocupante que hai que ter en conta, que a maior parte da poboación somos susceptible de contaxio e hai que facer todo o posible para evitalo”, indica Pontón.
Tamén no aspecto económico, o Bloque pide compromiso ao Executivo do PP, por exemplo en relación ao colectivo de 210.000 traballadores e traballadoras por conta propia, especialmente afectado nesta crise, “pero que non reciben nin un euro do Goberno da Xunta, mentres que ese colectivo si ten axudas directas dos seus gobernos en Euskadi, Cataluña ou Valencia”. O BNG propón unha subvención directa de até 2.000 euros para axudar ás persoas autónomas.
A rebufo de Urkullu
En relación a data electoral e a preguntas dos medios, Pontón insistiu en que lle parece unha temeridade convocar ás urnas nunha situación de estado de alarma e que o único que ten presa é o presidente do PPdeG, que mesmo está disposto a incumprir o seu compromiso e ir a rebufo do mandatario vasco. “Feixóo é o único galego que está pensando nas eleccións nun momento en que a maioría da xente o que está pensando é en como vai pagar as facturas, en se vai ter emprego ou non, en como vai facer para conciliar, esas son as preocupacións dos galegos e das galegas e non as eleccións”, salientou a líder do BNG
Pontón tamén subliñou que o o xefe do Executivo comprometeuse a convocar aos grupos todas as semanas tras a conferencia de presidentes con Pedro Sánchez, “pero unilateralmente decide desconvocar ese diálogo e colaboración mesmo en plena desescalada”, denunciou, “fai en Galiza o contrario que reclama en Madrid”, recriminou.
“O primeiro é a saúde e pensamos que é unha temeridade convocar eleccións nunha situación de estado de alarma provocado por unha pandemia cando deberíamos concentrarnos en dar respostas ás urxencias sanitarias e sociais que son moitas. Ademais, este era o acordo coas forzas políticas e lamentemos que Feixóo rache con este acordo para facer seguidismo de Urkullu que finalmente parece ser que convocará, de novo, as eleccións en Galiza”, concluíu.

















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



