Burela, 9 de xuño de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha valoración positiva das bandeiras azuis que conseguiron os areais de A Marosa, O Portelo e Ril, así como a aula Gaia, o barco museo Reina del Carmen e o paseo do litoral burelés, que obtivo o galardón de sendeiro azul. Para o rexedor é moi positivo que O Portelo recupere a bandeira azul neste 2020 porque a calidade das súas augas está a ser excelente. Llano agarda que os areais conten con servizo de socorrismo a partires do vindeiro 1 de xullo.
Llano manifestou que “foi unha grande satisfacción ver como obtemos as bandeiras azuis para as praias de A Marosa, Ril e O Portelo, porque realmente se merecen dado o traballo que se está a facer. Tamén teñen este galardón o barco museo, Gaia e o sendeiro azul. Polo tanto temos seis bandeiras azuis no noso concello, que penso que é unha boa noticia para todos”.
O rexedor sinalou que “agora debemos acompañar todo isto, que é unha alegría para o Concello, tamén do suficiente persoal para salvamento como son os socorristas. Esperemos que en pouco tempo, segundo nos avisaron das bandeiras azuis, nos avisen do número de socorristas que nos dan a cada un dos Concellos para ir organizando todo e sabendo que temos xente para poder garantir a seguridade, pois as bandeiras azuis significan que están garantidos un servizos e un deles é o dos socorristas. A ver se o antes posible nos facemos xa con eles e poder comezar o 1 de xullo, antes vai ser moi difícil”.
Alfredo Llano subliñou que “é unha boa noticia e, desde logo, merecida porque Burela fixo aquelas labores necesarias para poder garantir que houbese nos seus areais e as súas praias o suficiente mérito como para volver outorgar estas bandeiras azuis. O ano pasado xa nos estrañara bastante que non se concedera a do Portelo, dado que todo o ano, igual que no que levamos deste 2020, as análises das augas deron a cualificación de excelente. Polo tanto é moi bo que se recuperara O Portelo”.
