Lugo, 26 de xuño de 2020. A Xunta de Galicia subministrou dende o inicio da crise sanitaria 201.200 unidades de protección contra o coronavirus entre todas as residencias da Mariña que constan no rexistro autonómico, tanto de persoas maiores como en situación de dependencia, vivendas tuteladas e institucións similares, sexan de xestión pública ou privada.
Nos últimos días vén de completar outro envío de material, distribuíndo nesta ocasión 14.900 unidades en 15 centros xestionados por once entidades públicas e privadas. Neste novo reparto, o Goberno galego achega 7.500 máscaras, 7.300 guantes, así como xel desinfectante. Entre os centros beneficiados figuran a minirresidencia de Trabada, que xestiona Suplusa -entidade dependente da Deputación Provincial-, ou as residencia para persoas maiores dos concellos de Ribadeo, Cervo e Foz.
Deste xeito, dende o comezo da pandemia o Goberno galego leva entregados 94.500 guantes, 96.100 máscaras e pantallas faciais, 2.900 batas e mandís, 6.400 gorros e calzas, así como botes e garrafas de xel desinfectante, entre outros elementos.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.