
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Burela, 22 de xullo, 2020. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Paradores presentaron esta mañá no Parador de Santiago de Compostela Hostal dos Reis Católicos a súa nova campaña de promoción “Orixe & Destino Galicia”.
Trátase dunha nova edición ampliada da campaña que OPP Lugo realizou o pasado ano en colaboración coa rede de Paradores de Turismo de España e segue gardando unha vinculación moi especial coas diferentes rutas do Camiño de Santiago, combinando a gastronomía, a calidade de noso produto pesqueiro e a importancia da “Orixe e Destino Galicia”.
Nesta ocasión o protagonismo da campaña será para dúas das principais especies da lonxa de Armadores de Burela, que tamén colabora nesta iniciativa: a pescada do pincho e o bonito do norte; e que se celebrará durante as dez próximas semanas nos restaurantes de dez paradores, que ofrecerán diferentes receitas especiais elaboradas polos seus xefes de cociña.
Esta promoción denomínase “Orixe e Destino Galicia” porque a pescada e o bonito salen de Burela e volven a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través dos restaurantes de paradores que están ubicados en diferentes rutas xacobeas: o Camiño Mozárabe, a Vía da Prata, o Camiño de Madrid, o Camiño Norte, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra.
Os paradores participantes este ano pertencen a sete comunidades autónomas diferentes: Parador de Granada (Andalucía); Parador de Mérida (Extremadura); Parador de Olite (Navarra); Paradores de La Granja e de Villafranca del Bierzo (Castela e León); Parador de Santillana del Mar (Cantabria); Parador de Cangas de Onís (Asturias); e Paradores Costa da Morte e Santiago de Compostela (Galicia), que este ano abre e pecha a campaña con sendas xornadas do bonito e da pescada.
A “Ruta Xacobea do Bonito de Burela” comeza esta fin de semana no Parador de Santiago de Compostela e continúa as seguintes tres fins de semana en Olite, Santillana del Mar e Villafranca del Bierzo.
A “Ruta Xacobea da Merluza do Pincho de Burela” comezará o 20 de agosto en Granada para seguir visitando Mérida, Segovia, Cangas de Onís e Muxía, para pechar o círculo de novo en Santiago de Compostela.
No acto, que tivo lugar no Salón Real do Hostal dos Reis Católicos, participaron Sergio López, xerente de OPP Lugo, Santiago Carrera, director del Parador de Santiago, e Rosa Quintana, Conselleira do Mar da Xunta de Galicia. Ademais da OPP Lugo, coa presenza do seu presidente Juan José Otero, no acto tamén estiveron Abelardo Basanta e Miguel Neira, presidente e xerente de Armadores de Burela, que tamén colabora na campaña, e Mercedes Rodríguez, Directora Xeral de Pesca da Xunta de Galicia.
O xerente de OPP Lugo, Sergio López, sinalou a importancia de Burela como capital nacional da pesca da Pescada do Pincho e como capital galega da pesca do Bonito do Norte; exemplo ademais de máxima selectividade na pesca artesanal, xa que son dúas especies que se pescan individualmente con anzol.
Tamén destacou á pescada do pincho e o bonito do norte como produtos pesqueiros de primeira calidade, peixes branco e azul como bo exemplo da súa variedade e riqueza tanto na cociña clásica como máis elaborada. Dúas auténticas xoias da gastronomía que ademais representan un alimento ideal para dietas equilibradas e un estilo de vida saudable.
O director do Parador de Santiago de Compostela, Santiago Carrera, explicou a importancia dos produtos gastronómicos na rede de Paradores, que aposta por unha cociña de proximidade quilómetro cero, tradicional e de primeira calidade, tres requisitos que cumpren o bonito e a pescada do pincho de Burela. Precisamente gracias a esta iniciativa faise chegar a paradores do interior produto pesqueiro de primeira calidade.
Finalmente a Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, destacou a importancia da frota de Burela, reflexada aquí en dúas das súas especies máis representativas, e celebrou este tipo de iniciativas que axudan a fomentar o consumo de peixe e que a Xunta de Galicia financia a través das axudas FEMP, e que ademais neste caso vincúlase ás diferentes rutas do Camiño de Santiago. Precisamente felicitou o acertado do título “Orixe & Destino Galicia”, xa que é un bo reflexo da relevancia de Galicia como orixe de produto pesqueiro de primeira calidade e ao mesmo tempo como destino de centos de miles de peregrinos que cada ano camiñan cara Santiago de Compostela.
Tra-la presentación ofreceuse nun dos patios do Hostal dos Reis Católicos un showcooking no que se cociñaron en vivo as receitas de “Bonito de Burela en escabeche” e “Pescada do Pincho de Burela con vinagreta de tomate negro de Santiago”.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.