A pasada semana, as redes sociais arderon coa publicación dunha agresión machista en Eibar, en plena rúa, por mor da cal unha rapaza era golpeada e posteriormente acoitelada pola súa ex parella, en presencia do seu fillo de tan so catro anos que loitaba desesperadamente para defendela.
Certamente arrepiante.
Pero o que xerou maior polémica e levantou ampollas foi o feito de que alguén estivese a gravar a agresión e non fixera nada por tentar axudar a rapaza agredida.
Rápidamente, como xa dixen, as redes sociais estiveron cheas de comentarios que clamaban xustiza contra o autor ou autora da gravación, porque neste pais noso, desde hai un tempo, todo se arranxa vía redes sociais, e a golpe de “likes” e emoticonos, mesmo cando se trata de violencia de xénero.
Evidentemente, é un xeito moi cómodo de “loitar”, así entre aspas, e que se fai ver, que é, en definitiva do que se trata.
Por suposto, este caso, polo chamativo e salvaxe da agresión e o elemento engadido do neno non foi a excepción, e, unha vez mais, se me criticou pola miña, según algúns, excesiva prudencia, que, precisamente, e por riba de todo, cando se trata de violencia de xénero me impide pronunciarme sen coñecer a auténtica realidade da historia, porque a experiencia me dí que, as veces, o que semella ser obvio, finalmente non o é tanto, e, nesta historia, baseándome nas noticias que ían saíndo, algo me rechíaba.
Creo que non é preciso aclarar o meu total e rotundo rexeitamento ante calquera acto de violencia, e en particular de violencia de xénero, contra a que loito de cotío.
Non conseguía que me encaixaran as pezas.
Unha agresión a plena luz do día, que foi vista non soamente por quen gravaba, se non, se supón, por moita xente que transitaba pola rúa, e ninguén fixo nada, nin avisou a Garda Civil, producíndose, como agora se sabe, a agresión na parte traseira do cuartel……Algo non me cadraba.
Teño que engadir que, malia que poida semellar o contrario polo que estou a dicir, foi unha escena que me impactou especialmente, porque me fixo revivir a que eu vivín hai xa moitos anos, na que tamén un neno, meu neno, tentou salvarme, e eso é algo que me mortificará toda a vida.
Que un neno teña que vivir algo así, é algo que non debería suceder xamais.
Pois ben,o pasado Domingo, para a miña sorpresa, a vítima aparecía facendo unhas declaracións para un programa de televisión, cunha tranquilidade pasmosa para unha muller tan nova e que acaba de pasar por tan terrible experiencia, e a cara descuberta, todo o contrario de súa nai que a acompañaba, e ía pola totalmente camuflada cunha capucha e os ollos cubertos cunhas lentes de sol, que, unidos a máscara non deixaba ver absolutamente nada da súa cara.
Eu non daba creto ao que escoitei.
O desencadeante de tan brutal escena foi, según ela mesma dixo, unha cadea que o seu ex mozo lle reclamaba.
Ela xa intuía que ía ser agredida por él, polo que lle pediu a unha amiga que a acompañara e gravara o que acontecera.
Pero eso non é o peor.
Ainda intuindo o que podía pasar acudiu a cita, ela saberá os motivos, e non solicitou a compañía de alguén que puidera axudala, nin moito menos chamou a policía, se é que a ameazara ou xa agredira anteriormente, algo que deduzo da súa “intuición”, xa que non é lóxico sospeitar ou “intuir” que alguén que nunca amosou un comportamento violento, así, de súpeto, a vaia a atacar.
Pero, repito, intuindo que podía producirse unha agresión, acudiu a cita acompañada do seu fillo, de tan so catro anos, expoñendo ao neno a un risco certo, mais non acaba aquí a cousa.
A súa amiga levou tamén a súa filla, unha nena pequena.
Isto clama ao ceo!.
Pero, por se non abondara, ainda tivo o valor de dicir que estaba a facer as declaracións para axudar a outras mulleres!, e, para rizar o rizo, a conductora do programa falou de ambas, pero principalmente da amiga que gravou coma dunhas auténticas heroínas!.
A ninguén se lle ocurriu, polo visto, preguntarlles por qué levaron con elas aos seus fillos e se eran conscientes do perigo ao que os expuxeran.
E ainda faltaba a guinda do pastel, o avogado da amiga, que entrou por teléfono e relatou que esta estaba a ser ameazada pola veciñanza, e que a situación se tornara de tal calibre que mesmo tivera que deixar o pobo.
Cando lle preguntaron se denunciara estas ameazas, contestou con evasivas, e cando lle repetiron a pregunta respondeu que tiñan presentado unha “reclamación” pola difusión do vídeo.
Ningunha nova mención de tan graves ameazas, e menos ainda de denuncia.
De súpeto, o programa deu un xiro, e as heroinas xa non o eran tanto.
Repito, nada xustifica unha agresión, pero tampouco nada xustifica expoñer a dúas criaturas a semellante perigo e a unha experiencia tan atroz.
Como nai que pasei polo mesmo, ainda que de xeito fortuito, xa que no meu caso foi unha agresión totalmente inesperada, non podo entender que se poida facer pasar deliberadamente a unhos nenos por algo así.
Eu, polo menos, nunca fun quen de perdonarmo, nin tampouco de esquecelo, malia que non puiden, por desgraza, evitalo.
Mención aparte merece o programa, e o xeito de tratar algo tan grave como é a violencia de xénero.
Os responsables deberían ter en conta de que non todo vale para acadar audiencia, e que, como dixen hai un momento, non sempre o que parece mais obvio, o é.
Marta Rodríguez Engroba
Asociación Si, hai saída