Lugo, 28 de xullo de 2020. A situación da atención primaria a raíz da crise sanitaria da Covid 19 centrou parte do debate do pleno provincial celebrado este martes na Deputación de Lugo. O BNG defendeu unha moción de goberno que reclama á Xunta de Galiza a reapertura inmediata dos centros de saúde de Parga e Castro de Rei, sen atención médica desde a alarma sanitaria.
O Sergas, que explicou os peches coma unha medida temporal, mantén os consultorios sen facultativos catro meses despois e sen ofrecer data para a recuperación do servizo malia as mobilizacións e demandas da veciñanza.
“Digan cando van abrir os centros e que medidas van tomar para que sexan seguros”, reclamou o voceiro nacionalista, Efrén Castro, quen acusou á Xunta de “aproveitar a pandemia para precarizar a sanidade pública”.
Castro afeou a intervención do deputado popular Francisco Balado quen sostivo que “os centros están abertos pero sen prestar servizos médicos senon de enfermería, tres días á semana”. “Que quere decir? Que os centros médicos poden estar sen médicos? E por aí por onde vai a sanidade e a atención primaria do Partido Popular agora?, preguntouse.
Efrén Castro tamén criticou a extensión da atención telefónica na atención primaria coa “excusa do coronavirus” cando hai profesionais que cuestionan a súa calidade. Ademais, evidenciou a intención da Xunta de manter a senda de recortes nos servizos sanitarios do rural. “Vostede mesmo recoñeceu que, se hai menos cartillas, pecharán os centros de saúde”, apuntou o deputado sarriao.
“Din que o rural se está despoboado pero o que fan é recórtanlle servizos, díganlles vostedes á alguén que vaia vivir a un sitio que ten un centro de saúde aberto sen médicos. Vostedes teñen un modelo de sanidade que é privatizar e recortar”, concluíu o deputado nacionalista.
O BNG pide a PP e PSOE que deixen o “pim pam pum” e “interveñan Alcoa”
O grupo provincial do BNG reiterou o seu posicionamento en relación coa situación xerada polo Ere de Alcoa. Como fixera no penúltimo pleno, o BNG defendeu a intervención como única saída para a continuidade da produción de aluminio e dos postos de traballo na Mariña, unha solución avalada polos tres grupos provinciais no pleno do pasado mes de xuño, en precampaña electoral, e que desta volta non tivo o respaldo do PSOE. O voceiro nacionalista, Efrén Castro, pediu a populares e socialistas que deixen o “pim pam pum” e que “interveñan a planta de aluminio, como piden os traballadores”. “É importante un marco enerxético para Galiza pero agora, para salvar os postos de traballo, a urxencia é a nacionlaizarción, porque non hai tempo. Alcoa está ameazando con parar as cubas, está xogando con iso e ríndose dos traballadores e de nos”, enfatizou Castro, interpelando ao Estado e á Xunta de Galiza: “Cando se goberna, hai que asumir responsabillidades”, apuntou o deputado nacionalista na exposición dunha emenda para pedir a intervención de Alcoa que o PSOE non quixo incorporar a súa moción sobre a situación de Alcoa San Cibrao.
“O que necesita A Mariña é un plan de reindustrialización”
En relación coa situación da Mariña, o BNG contrapuxo o seu modelo, que pasa pola reindustralización da comarca afectada por un goteo de peches na última década, ás fórmulas máxicas do PP que insistiiu en fiar o futuro ao turismo cunha moción para a “reactivación económica” da Mariña centrada exclusivamente na promoción turística. Nesa liña, o voceiro nacionalista recordou as negativas da Xunta a atender as demandas de investimentos en infraestruturas e servizos que o BNG ten presentado nos últimos anos.
No debate da proposta, Efrén Castro rebateu as acusacións de “alarmismo” sobre a Covid 19, que lanzou o Partido Popular. “A Xunta confinou a Mariña. Algo estaría pasando alí. Vostedes non querían reaccionar e tiveron que facelo pola responsabilidade dos alcaldes que vían que había que controlar o brote”, argumentou o deputado nacionalista.
