Santiago de Compostela, 8 de setembro, 2020. Cando arrincaba o inicio da campaña 2020-2021 no sector lácteo, en primavera, o Sindicato Labrego Galego xa alertou de que as industrias estaban a usar de novo as súas prácticas de extorsión para obrigar a asinar ás granxas contratos con prezos a baixa (ver bit.ly/CláusulaCustes). A grande novidade é que, desta vez, as recentes reformas na Lei da Cadea Alimentaria obrigaban a incluír nos contratos unha cláusula facendo referencia a que o prezo acordado por ambas partes cubría os custes de produción. Nese momento, dende o SLG denunciamos que as industrias estaban obrigando ás granxas a falsear esa cláusula para avalar prezos artificialmente baixos, sempre por baixo dos custes de produción.
A día de hoxe, cando estamos a piques de entrar no outono, o prezo do leite segue en caída libre (dos 32’7 céntimos de decembro aos 31’9 de xuño como media na Galiza, segundo o Fega), a pesares de aumentar o consumo de lácteos de pouco valor engadido, coma o leite UHT, que é para onde se destina a maior parte do leite recollido na Galiza. Para poder baixar o prezo do leite sen que existan razóns obxectivas de mercado, as industrias están a darlle cada vez un maior peso a fórmulas variables para formar o prezo final que pagan. Un bo exemplo témolo na principal empresa que recolle leite na Galiza, Lactalis, cuxos prezos en orixe parten dun valor de base de 29 céntimos, que contribúe ao 50% do valor final pagado, quedando o outro 50% suxeito a variables arbitrarias e decididas unilateralmente pola empresa; o resultado final é que se está impoñendo unha baixada de 1 céntimo con respecto ao prezo fixado no anterior contrato. A tendencia pode ir a peor porque se están ofrecendo contratos con vixencia até marzo, de maneira que se terán que renovar xusto ao comezo da seguinte campaña, en abril, cando os prezos adoitan baixar por causas estacionais.
AS PRÁCTICAS MAFIOSAS DA INDUSTRIA: DA AMEAZA VERBAL AO BUROFAX
O máis grave é que vimos de constatar o enorme grao de presión que está a exercer a industria para impoñer as súas condicións de compravenda. No SLG sabemos de granxas que se negaron a asinar a cláusula dos custes de produción que lles presentou a industria xunto co contrato e, diante desta negativa, e tras ter todo tipo de presións, acabar recibindo un burofax como ultimato para obrigalas a asinar unha cláusula de custes cos datos falseados baixo a ameaza de deixar de recollerlles o leite.
Diante destas prácticas mafiosas coas que se lles está a extorsionar ás nosas granxas, resultan tan lamentables como hipócritas as recentes declaracións do director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo, nas que di que non lle consta que haxa abandonos de granxas por non cubrir o prezo do leite os custes de produción, e presumindo de que as industrias souberon adaptarse ben aos cambios na Lei da Cadea Alimentaria. Madia leva.
A realidade é que a situación do sector lácteo estase a tornar insostible para miles de granxas que seguen indefensas diante das prácticas de extorsión das industrias amparadas pola pasividade da administración, nomeadamente do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural. Por unha banda, o Ministerio segue sen facer cumprir a lei que el mesmo modificou a través de ferramentas como a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica). Por outra banda, a Consellaría segue sen cumprir a súa promesa de elaborar uns índices de referencia para fixar uns custes de produción oficiais na Galiza que se poidan reflectir nos contratos, e sen convocar aos axentes do sector para tentar chegar a acordos sobre prezos dende o diálogo.
Por iso dende o Sindicato Labrego Galego instamos a Agricultura e a Medio Rural a exercer as súas competencias. En primeiro lugar, pedimos a convocatoria urxente da mesa do leite, pois a extorsión das industrias están forzando unha baixada de prezos que, de seguir así, acabará sendo insostible para miles de granxas na Galiza. Os axentes do sector deben sentarse a falar en pé de igualdade e coa arbitraxe da administración para garantir a adopción de acordos beneficiosos para todas as partes. En canto ao Ministerio de Agricultura, debe deixar de mirar para outro lado e facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria para rematar cos abusos da industria. Ten ferramentas para facelo como a Aica e ten a obriga de velar polos intereses da parte máis feble da cadea de valor que é, precisamente, a que xera riqueza, emprego e mantén vivo o medio rural.


















Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



