Burela, 13 de outubro de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, rexeita as críticas relacionadas co concerto ofrecido por Roi Casal o pasado sábado na localidade. O rexedor subliña que o Concello estivo durante todos estes meses atendendo todas as necesidades derivadas do Covid-19 e considera conveniente o apoio á cultura, máis cando en Burela neste 2020 non houbo festas patronais, nin festa castrexa, nin feira do bonito, nin tampouco o festival Osa do Mar.
Llano dixo que “houbo algunha crítica incluso dalgún partido político de Burela respecto dunha actuación musical que se fixo esta fin de semana, que foi ben acollida, realmente esperada e agardada, e foi compartida por moita xente”.
O alcalde burelés sinalou que “desde o Concello de Burela levamos todo este ano procurando atender todas as necesidades de todos os colectivos, sexan cales sexan, e atender a problemática que hai en Burela, sobre todo derivada do Covid. Estamos aí intentando facelo o mellor que podemos e atendendo todos os sectores da mellor maneira posible, sempre dentro das nosas posibilidades”.
O rexedor amosouse sorprendido polas criticas “sobre isto cando o que se trata de facer desde aquí é unha axuda, tamén para a xente que vivimos en Burela que temos necesidades culturais, recreativas ou artísticas, e facer un mínimo porque xa non tivemos practicamente nada en todo o ano. Hai que ter en conta que as festas de Burela tiñan unha axuda duns 37.000 euros que aporta o Concello e este ano quedaron en 5.000 euros, porque o resto foise desviando a onde era máis necesario, para moitísimas cousas que consideramos que eran moi necesarias, polo tanto o gasto en eventos culturais foi mínimo, e tamén nos parece que debemos ocuparnos e preocuparnos do sector cultural e artístico. Debemos preocuparnos todos, igual que nos estamos preocupando doutros sectores, como debe ser”.
Alfredo Llano engadiu que “xa está todo moi mermado, dado que non houbo festas, nin tampouco houbo a fesa castrexa, nin a feira do bonito, nin o festival Osa do Mar. Polo tanto imos deixar Burela co mínimo, pero algo hai que facer. É unha maneira tamén de motivar á xente que veña ao noso concello, que desfrute daquilo que se lle poida ofrecer e iso é o que queremos marcar desde o Concello. Realmente quen organizou todo foi a comisión de festas, pero tamén estamos de acordo desde o Concello en que se fagan actos, todo aquilo que sexa positivo tanto para a xente de Burela como para o sector cultural e artístico, porque o está necesitando moitísimo. Aquí non se trata de tirar cartos dunha maneira ou doutra senón que se trata, dentro das nosas posibilidades, de atender ao conxunto das necesidades de Burela”.
