Foz, 19 de outubro, 2020. Este domingo, 18 de outubro, tres atletas do ‘Ría de Foz’ participaron, con notable éxito, no Medio Maratón de Pontevedra. Os atletas Manuel Eiras, Marcos Loureiro e Saúl Díez participaron nesta proba, a primeira media maratón organizada en Galicia desde a aparición da pandemia da Covid-19 e onde só podían participar 250 corredores. Os tres atletas foron a representación máis ampla dos clubs mariñáns.
Desde o ‘Ría de Foz’ felicitan aos organizadores da proba polas estritas medidas de seguridade e por todas as horas de traballo para que os atletas desfrutasen da mesma.
Ademais, o Club tamén quixo levar ata as rúas de Pontevedra a loita que os traballadores e traballadoras de ALCOA manteñen viva na Mariña. Desde Pontevedra berraron: As cubas non se paran!
