Alcoa. Un nome que esta tempada está na boca de toda a Mariña. Algúns aínda din, tentan lembrar, ‘Aluminio Español’, a empresa do INI que se estableceu en S. Cibrao, procurando a saída na nacionalización. No fondo, o traballo como medio de subsistencia, case máis ben como medio de ser, de vida, cun significado máis amplo co da procura de cartos para vivir.
En tempos, dicíase ‘traballar como chinos’ por facer un traballo duro de xeito continuado e asumilo sen queixa, con naturalidade. Polo que parece, tiña o seu sentido, pola necesidade de traballo continuado e minucioso, coidado, dos campos de arroz, ou pola organización -anterior á europea e continuada no tempo- do traballo dos súbditos imperiais. De feito, houbo un momento no que a confrontación do traballo ‘como chino’ enfrontado ó traballo ‘como occidental’ quedou patente coa goleada a favor de oriente na construción do ferrocarril atravesando os EEUU. Avanzou máis rápido polo oeste cos chinos como man de obra… polo camiño perdeuse o comentario das condicións de escravitude, a cantidade de xente ou a proximidade ás subministracións para a construción, e así quedou no imaxinario e se fortaleceu aínda máis a idea. Hoxe, coa emerxencia china, non está claro que no futuro o dito se manteña e non pasen a ser os occidentais os que necesitemos/nos forcen a traballar máis -de novo, obviando sistema sociopolítico, financiamento, etc.-
Outro dito sobre o traballo, ‘O traballo vos fará libres’, é unha frase que rematou como eufemismo sarcástico á entrada do campo de concentración de Auschwitz: traballo arreo, do que a liberación significaba a morte, única saída. Aí chegou despois dun recorrido como título de novela ou como lema nunha República de Weimar enxalzando os efectos da súa política de impulso de grandes obras públicas para combater o desemprego…
Ó longo da historia, téñense sucedido ditos e refráns mantendo ideas diversas sobre o traballo, mesmo contraditorias en aparencia. Valla como exemplo máis próximo a nós o ‘Deus axuda a quen cedo madruga’ contra ‘Nin por moito madrugar amence máis cedo’. Pero non, non hai contradición entre estas dúas sentencias: a primeira indica a axuda do factor disciplina e traballo no desenvolvemento e expectativas da propia vida, mentes a segunda indica que hai que traballar, si, pero con xuízo, no momento e xeito debidos. En calquera caso, en ambos, aínda que non aparece o traballo como tal, está presente no seu significado. E é que o traballo hai moito tempo que no noso entorno se leva imbricando no desenvolver da propia vida.
Volvamos a Alcoa, como verba indicativa do problema de centeas de persoas na Mariña. Deixemos aparte o que significa e significou non ter actuado a tempo fronte a un problema que se podía ver hai anos -e que foi sinalado en moitos lugares como este-. Deixemos a unha beira o problema ambiental da balsa de lodos ou as enormes necesidade enerxéticas subvencionadas -quizais menos que noutros lugares con menos imperio das eléctricas-. Poñamos fóra do campo de visión tamén a venda dunha industria concibida en clave de desenvolvemento estatal guiado pola razón pública a unha entidade de capital privado estranxeiro, ou a inexplicable ausencia de diversificación industrial ó seu arredor. Si, e centrémonos nun detalle que moitos desbotarán como accesorio ou irrelevante: ‘traballadores’ ou ‘empregados’, asalariados? Si, xa sei, ambos. Pero o sentido non é o mesmo. E, á fin, coido que tampouco irrelevante aínda que se trate con urxencia doutras cousas.
Co primeiro concepto, traballadores, pódese discutir sobre o traballo e o seu sentido na vida. Co segundo, empregados, sobre a submisión (ou non), dependencia dun xeito de vida subordinado a un poder externo, sen interdependencia, como estamos tristemente a ver.
Co primeiro, pódese falar de equilibrio do traballo dentro da vida, de compensacións, de cousas como a prestación por vivir ou mesmo da capitalista renda básica. Co segundo, só dun traballo a cambio de submisión e algo máis que permita non tanto vivir como sobrevivir -aínda que se pretenda ‘sobrevivir’ moi ben-.
Co primeiro, pódese continuar cunha variación consensuada, acordada, colaborativa, do xeito de vida. Co segundo, o que se está é a pedir -e polo tanto, de xeito asimétrico- algún tipo de continuación da dependencia. Do sistema. Dun sistema que está amosando a súa incapacidade para manternos con xeito sobre a Terra, despois de esquilmala e esmagarnos.



















A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Estes servizos sumaranse aos que xa permanecen abertos habitualmente, como os do parque Pernas Peón. O Día das Tortillas, que se celebra o domingo anterior ao Domingo de Ramos, reúne cada ano a veciños e visitantes en varios espazos do municipio. Con esta medida, o Concello busca facilitar o desfrute da xornada e mellorar a comodidade das persoas asistentes. Desde o Concello de Viveiro lémbrase tamén a importancia de facer un uso responsable das instalacións públicas, de manter limpos os espazos naturais e de respectar as n
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Ambas destacaron o impacto cultural do evento deste sábado en Lugo. A gala, presentada por Trisha Fernández e Federico Pérez, contará con actuacións de Xabier Díaz, Adufeiras de Salitre e Mondra.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.



