Burela, 16 de novembro de 2020. No pleno extraordinario celebrado hoxe no Concello de Burela foron aprobadas inicialmente as obras complementarias realizadas en Torrentes xa hai tempo e tamén ampliar o prazo de presentación de alegacións ao inventario municipal de bens ata o 17 de decembro. O alcalde, Alfredo Llano, sinalou que o proceso de Torrentes “é algo que nos tarda rematar, queremos telo listo o antes posible”.
O rexedor explicou que “hoxe tivemos un pleno extraordinario, na cal tratamos dúas cuestións que nos parecen moi importantes para Burela. Unha delas foi a aprobación inicial dunhas obras complementarias que se fixeron xa hai tempo na unidade de actuación de Torrentes e que consistían en instalar colectores de augas pluviais e residuais que fixeran un bo servizo para a cantidade de xente que se considera que pode haber o día de mañá nesa unidade de actuación. Esta cuestión estaba no xulgado, que obrigaba a que a xestión, a construción e o financiamento para facer esa obra foran do Concello por considerar que é unha obra de carácter xeral e non soamente da unidade de actuación. Había que facer un novo proxecto que recollera as obras que se fixeran, pero sobre todo a forma de sufragar os gastos. Entón xa se recoñeceu o enviado polo xulgado e si vamos facernos cargo dos gastos derivados desa obra. E hoxe o que fixemos foi a aprobación inicial do proxecto desa obra complementaria”.
Llano dixo que “o de Torrentes é algo que nos tarda rematar, é un proceso longo que se comezou xa hai tempo e queremos telo listo o antes posible. Agora ábrese un prazo de alegacións sobre isto e tamén se vai aprobar o proxecto de reparcelación. Estes dous procesos son fundamentais para poder entregar as separatas a cada un dos propietarios”.
O alcalde burelés seguiu a relatar que “outro punto foi alongar o prazo para presentar alegacións ao inventario municipal de bens, período que remataba mañá, 17 de novembro. Polas peticións que houbo de colectivos, de particulares e incluso de partidos políticos aprobamos hoxe por unanimidade alongar ese prazo un mes máis, ata o 17 de decembro. Xa houbo dous meses para que a xente tivese tempo de presentar as alegacións, pero cremos que debemos prolongar un mes máis ese prazo”.
Balance do covid
Alfredo Llano insistiu en que “agora mesmo corresponde xa recuperar a situación anterior á normativa que se aplicou hai 10 días. Consideramos que se pode abrir o municipio aos desprazamentos, que exista liberdade de movementos e recuperar canto antes a actividade socioeconómica, algo que nos fai moita falta. Unha vez que temos este nivel de contaxios, atendendo á seguridade sanitaria, debemos poder recuperar a actividade socioeconómica”.
E engadiu: “por tanto agardamos que mañá o comité clínico decida abrir o concello de Burela e recuperar a situación que tíñamos anteriormente, co toque de queda, respectando os horarios, os aforos e todo o que sexa necesario, pero permitindo a actividade socioeconómica”.
