
Foto de arquivo
Lugo, a 19 de novembro de 2020. Os deputados no Congreso -Jaime De Olano e Joaquín García Díez-, os senadores por Lugo -José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela- e a presidenta provincial –Elena Candia-, propoñen corrixir o agravio do Goberno á provincia, incrementando os Orzamentos para Lugo en máis de 44 millóns de euros.
Os populares agardan así que o Executivo teña en consideración as emendas presentadas, xa que, sinalan, “están en xogo infraestruturas básicas para o desenvolvemento do noso territorio”. “Son actuacións prometidas e asumidas nos últimos anos e que en 2021 sofren un retroceso importante, deixando así patente a falta de compromiso do Goberno cos lucenses”, advirten.
E é que para os representantes de Lugo nas Cámaras Alta e Baixa e a dirección provincial son uns Orzamentos que “frean o futuro socioeconómico da provincia”. “Non nos serven e por isto presentamos partidas específicas para actuacións específicas e que a nosa provincia demanda e merece. Son os Orzamentos do retroceso, da ineficacia e dunha falta de peso político sen precedentes”, afirman.
As emendas serán debatidas parcialmente a vindeira semana no Congreso. “Esa será a proba de fogo dos socialistas e tamén dos socios nacionalistas, onde se verá claramente se este recorte obedece, como pensamos, aos pactos con Bildu e ao pago de favores a outras Comunidades para chegar á Moncloa”, manifestan.
Máis impostos para os lucenses
E é que, ademais, son uns Orzamentos nos que o incremento da fiscalidade repercutirá negativamente no poder adquisitivo da poboación lucense. Isto débese ao incremento en 4 céntimos no imposto do gasóleo; á suba de 2 puntos porcentuais (do 6 ao 8%) na taxa da prima de seguros; ao imposto de bebidas gaseosas, plásticos non reciclables, da Internet, etc; e tamén á rebaixa da bonificación no IRPF dos plans de pensións que pasa dos 8.000 aos 2.000 euros, é dicir 4 veces menos que ata o de agora.
“Non só nos recortan nas infraestruturas senón que asfixiarán ao 99% da poboación lucense, xa que quen nesta provincia non ten un seguro de vivenda ou un vehículo para desprazarse por exemplo? Resulta, por tanto, lóxico pensar que son uns Orzamentos que só benefician a PSOE e BNG, dende logo aos lucenses e ao Partido Popular, non”, sentencian.
Emendas ao detalle
As contas presentadas polo Goberno do Estado para o vindeiro ano non poder máis decepcionantes para os intereses xerais de Lugo, de forma notoria no que atinxe ás previsións de investimentos para as principais infraestruturas. Deste xeito as emendas presentadas son as seguintes:
En infraestruturas viarias:
– PRIMEIRO: a necesidade de darlle continuidade de forma decidida á autovía da Mariña lucense, a A-74. Este investimento supón a mellora de comunicacións na comarca e dar servizo a unha das maiores zonas produtoras de madeira, con portos pesqueiros de referencia, un porto de interese xeral do Estado e unha multinacional do aluminio. Por iso, resulta preciso avanzar nesta actuación que, a día de hoxe, se atopa paralizada sine die.
De forma nominativa, para os treitos San Cibrao-Burela, o PP propuxo 2.599.000 euros; para o de Foz-Burela 2.859.000, para o de Foz-O Carme 700.000 euros e para o treito O Carme-Barreiros 700.000 euros.
– SEGUNDO: para a N-VI, en Outeiro de Rei, propuxéronse 350.000 euros para a mellora da seguridade vial e a glorieta P.k 213, nesta localidade, un proxecto que estaba xa comprometido e en avanzado estado de tramitación e que desaparece totalmente destes Presupostos
– TERCEIRO: Para o intercomunicador A-54 e N-540, en Guntín, que estaba consignado en pasados exercicios e non figuran nos presentes, 2.500.000 euros.
– CUARTO: para a circunvalación de Monforte de Lemos, enlace Monforte este-Barrela, 422.290 euros; a mesma cantidade que figuraba en 2019 para impulsar a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada.
– QUINTO: para a autovía Lugo-Ourense, proponse seguir impulsando esta infraestrutura que vehicula a provincia de Lugo dende a capital ata Ourense.
En materia ferroviaria vese preciso actuacións que impulsen o tráfico por ferrocarril na provincia, como as que se indican:
– PRIMEIRO: incrementar a partida de renovación da liña Monforte-Lugo con 10 millóns de euros, xa que a consignación proposta para o ano 2021 está moi lonxe do custe total de dita actuación e acumula un retraso considerable dende hai anos.
– SEGUNDO: inclúese unha partida de 20 millóns de euros na antes denominada electrificación Monforte-Lugo.
– TERCEIRO: solicítase unha partida de 2.500.000 euros para a renovación da liña Vegadeo-Ferrol, que afecta ás provincias de Lugo e de A Coruña.
En materia de augas e transición ecolóxica, o Partido Popular considera necesario o impulso con redacción de proxectos novos para:
– PRIMEIRO: o saneamento e depuración dos concellos de Monforte de Lemos, Castro de Rei, Portomarín e a eliminación de pluviais e tanque de treboadas en Chantada para o que se propón a necesidade de contar cunha partida adicional de 1.400.000 euros.
– SEGUNDO: en concordancia, tamén se considera preciso declarar de interese xeral do Estado dito saneamento e depuración de Monforte de Lemos, Portomarín, Chantada, Castro de Rei e o saneamento de Vilalba; imprescindible esta declaración para garantir o correcto saneamento en poboacións de 5.000 habitantes e cumprir a directiva 41/271 sobre o tratamento de augas residuais urbanas.
En materia de interior, destacan a inclusión de 300.000 euros para a construción da nova comisaría de Lugo, co fin de que poidan cumprirse os compromisos adquiridos en anos anteriores respecto destas instalacións e para que a cidade conte con estas dependencias.
Figuran emendas igualmente importantes propostas polos deputados galegos no Congreso que afectan a Lugo y a outras provincias galegas que supoñen 10 millóns de euros para a promoción do Xacobeo 2021 en Galicia e 20 millóns para un Convenio coa Comunidade Autónoma de Galicia para a Estratexia de Resiliencia Turística.
Tamén no ámbito da Transición Ecolóxica, os populares propoñen dirixir 10,3 millóns para a implantación da recollida selectiva de residuos en todos os núcleos rurais ou para atender as necesidades das Reservas da Biosfera por medio de Parques Naturais.
De aceptarse o conxunto de emendas presentadas polos deputados lucenses no Congreso, a dotación inicial veríase incrementada en máis de 44,6 millóns de euros; ademais do beneficio para a nosa provincia da inclusión doutras partidas para Galicia que ascenden a outros 90 millóns de euros.
Apoio na Deputación
Dende a dirección provincial confirman que, no Pleno deste mes, os populares na Deputación tamén instarán a socialistas e a nacionalistas a apoiar estas emendas e “subsanar así o trato discriminatorio con esta provincia e a demostrar que o pacto Pontón-Lastra non foi un papel mollado e non foi a cambio de nada”.


















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.



