Ribadeo, 23 de novembro de 2020. No pleno ordinario que se celebrará mañá, martes, no Concello de Ribadeo abordarase o expediente de renuncia da asignación que reciben os grupos municipais neste 2020. Esa partida destinarase á compra de alimentos para as familias con menos recursos. Tamén se aprobarán os festivos locais de 2021, que serán o 16 de agosto e o 8 de setembro e modificaranse as taxas da auga e do lixo, segundo adiantou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor explicou que “neste pleno ordinario se han tratar varios asuntos de interese. Habemos propoñer unha redución das tarifas da auga, significando que van baixar un 0´4 %, resultado do IPC interanual que neste caso é negativo, nesta porcentaxe. Trátase polo tanto de trasladar esta baixa ás tarifas para o vindeiro ano. Pola contra, o lixo debera subir un pouco, o 2´13%, resultado de que o ano pasado, a consecuencia dun acordo con Sogama, rebaixamos unha porcentaxe do 6% que correspondía a dúas anualidades xuntas. Agora, xa normalizada esta situación, cabe subir esta porcentaxe, tendo en conta tamén que confiamos que Sogama nos confirme que segue bonificando o prezo da tonelada de lixo que entregamos, tamén para este ano 2021, posto que de non facelo a suba das tarifas debería ser maior, dado que os custos do servizo de recollida de lixo deben sempre estar equilibrados coa taxa a cobrar”.
Suárez Barcia dixo que “tamén daremos conta neste pleno dos festivos locais para o vindeiro ano, significando que serán o 16 de agosto, Día de San Roque, e o 8 de setembro, Día da Patroa”.
O alcalde ribadense anunciou que “levaremos unha proposta de renuncia da asignación no ano 2020 aos grupos municipais, dado que estamos de cheo na crise sanitaria entendemos que é necesario adoptar medidas para incrementar a consignación nas partidas sociais, que son as que están facendo fronte aos efectos da pandemia. Xa en abril, o noso grupo, o grupo municipal do BNG, quixemos renunciar á asignación do primeiro semestre que temos para grupos, pero agora quixemos facelo do ano enteiro, e ademais queremos convidar ao resto de grupos a que fagan o mesmo e metelo na partida orzamentaria destinada a produtos alimenticios para as familias máis necesitadas”.
