Viveiro, 2 de febreiro, 2021. O BNG de Viveiro leva o traslado da Escola Oficial de Idiomas e Aspanane ao Congreso a través do deputado do BNG, Néstor Rego, formulando unha preguntas para desbloquear a situación.
Hai dous anos, en marzo de 2019, o Concello de Viveiro anunciaba xunto a representantes da Deputación de Lugo e da Xunta, un convenio a tres partes iguais cun orzamento de 500.000€ para a rehabilitación do “Colexio Vello” de Celeiro. A intención do Concello é proceder a instalar nese lugar a Escola Oficial de Idiomas unha vez acometida a rehabilitación. Deste xeito, as dependencias que o EOI deixa libres, serían aproveitadas pola Asociación ASPANANE para novos usos sociais, en concreto, para a creación dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual, a única destas características en toda a comarca.
Por tanto, para levar a cabo o citado proxecto é imprescindíbel que a Tesourería Xeral da Seguridade Social do Estado, actual propietaria, ceda o inmóbel para o seu uso polo Concello de Viveiro. Tras iniciar os trámites neste sentido, a Tesourería declarou que a cesión se realizará en favor da Xunta de Galiza a través dun Convenio e que esta, á súa vez, cederao para o fin descrito ao Concello.
A día de hoxe descoñécese o estado actual destes trámites, pero a execución da cesión ten máis urxencia que nunca na actual situación de pandemia, que están a padecer de forma especialmente intensa os colectivos máis vulnerábeis, como son as persoas con discapacidade intelectual. ASPANANE tivo que manter as portas dos seus centros fechadas desde o mes de marzo e até setembro, pero incluso unha vez levantadas as restricións do primeiro estado de alarma, non puideron funcionar ao cento por cento de ocupación. A experiencia destes meses puxo de manifesto que as súas actuais instalacións son insuficientes e iso repercute negativamente sobre a atención ás persoas usuarias da Asociación.
En conclusión, é urxente pór en marcha a residencia, polo que é imprescindíbel acelerar a cesión da inmóbel propiedade do Estado.
Por estes motivos, o BNG formula as seguintes preguntas ao Goberno do Estado:
1. Iniciáronse as xestións necesarias para a cesión á Consellería de Educación da Xunta de Galiza dos terreos e instalacións do Colexio Vello de Celeiro no Concello de Viveiro? En que fase se atopan? En que data se calcula que poida facerse efectiva?
2.En caso de non iniciarse, recibiuse comunicación por parte do Concello de Viveiro ou da Xunta de Galiza solicitando a citada cesión? Estaría o Goberno do Estado en disposición de facela efectiva?