Ribadeo, a 6 de marzo de 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, mantivo unha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para interesarse polos detalles do avance da vacinación fronte ao coronavirus entre os usuarios das residencias de Ribadeo, do persoal do Servizo de Axuda no Fogar, do centro de día e dos maiores de 80 do municipio.
A vacinación dos profesionais que traballan no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e do persoal do centro de día comezou esta semana. Este colectivo súmase, polo tanto, aos dos profesionais sanitarios dos hospitais, centros de saúde e PACs; traballadores sociais; todo o persoal docente e non docente dos centros educativos públicos e concertados; e usuarios e traballadores de residencias, co que comezou a campaña de vacinación o pasado 27 de decembro.
Tamén deu inicio a vacinación dos maiores de 80 anos a pasada semana con aqueles con apelidos que comezan pola letra H e, no caso de Ribadeo, están chamando xa aos da letra M. Daniel Vega destaca a este respecto que “é algo moi importante porque este grupo é onde se concentra o maior índice de mortalidade e para ter un Ribadeo seguro”. Polo de agora, en Galicia, xa recibiron a primeira dose máis do 20% dos maiores de 80 anos.
Sen positivos no asilo
Os datos nas residencias, onde están un dos colectivos que xa leva días inmunizado tras recibir as dúas doses, confirman a alta efectividade das vacinas. De feito, hai que lembrar que desde o pasado 20 de febreiro non hai casos no
Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro. “Levamos dúas semanas sen positivos, nin de residentes nin de usuarios, nesta residencia de Ribadeo”, matiza Vega.
O concello de Ribadeo segue a liña de vacinación marcada no resto de Galicia e a campaña de vacinación seguirá avanzando a semana que ven aplicando novas doses de Astrazéneca ao colectivo de entre 50 e 55 anos.